Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTO

Por unha Illa de San Simón 'que non esqueza a memoria dos vencidos'

Un grupo de 26 asociacións exixe á Xunta que a que foi unha das colonias penitenciarias do Franquismo recorde aos seus visitantes “a barbarie do fascismo”.

Redacción - 10:30 30/05/2010
Traslado de presos á Illa de San Simón / Imaxes: Ano da Memoria

Traslado de presos á Illa de San Simón / Imaxes: Ano da Memoria

Despois de que o conselleiro de Cultura anunciase o “cambio de usos” da Illa de San Simón (Ría de Vigo) para convertela “nun centro cultural de calidade e con proxección internacional, con capacidade para atraer artistas, persoeiros e institucións con relevancia internacional, que permitan espallar a cultura de Galiza”, os colectivos que reivindican a Memoria Histórica desconfían das intencións da Xunta.

Un grupo de 26 asociacións asinaron un comunicado no que solicitan unha xuntanza urxente co Director-Xerente da Fundación da Illa de San Simón, Francisco Xabier Alonso González, para coñecer de primeira man cales son os obxectivos deste novo “plan de usos” e para demandarlle que continúe a ser un “Lugar da Memoria”, no que se desenvolvan actos de “recoñecemento, homenaxe a difusión da memoria de todas aquelas persoas que sufriron a perda da vida e da liberdade por ser demócratas”.

No seu manifesto, estes colectivos exixen que o Goberno “non eluda o recordo ás vítimas e á barbarie do fascismo” e que “siga sendo un referente da nosa memoria histórica” Entenden que no novo plano de usos da Xunta “as actividades obvian totalmente os actos relacionados coa memoria dos vencidos” e defenden que na programación de actos desta Illa, que acolleu a máis de dous milleiros de prisioneiros do Franquismo, deben cumprirse catro premisas. Piden: respecto á musealización xa acometida na Illa en lembranza da Colonia Penitenciaria que foi; o apoio ás visitas de grupos promovidas polas asociacións memorialísticas; que se poña en marcha o Centro Documental sobre a Memoria da Colonia Penitenciaria da Illa de San Simón nun prazo razoábel de tempo; e que se siga realizando o acto que, dende o ano 2006, se ven celebrando o día 18 de xullo na Illa como homenaxe nacional ás vítimas galegas do Franquismo.


Asinan o comunicado as seguintes asociacións: Asemblea Republicana de Vigo (Vigo), Asociación pola Recuperación Histórica de Marín (Marín), Asociación Memoria Histórica 28 de agosto (Cangas), Asociación Cultural Comisión pola Memoria “Sinhor Afranio” (Colectivo da provincia de Pontevedra), Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido” (Terra de Montes), Asociación Cultural Vagalumes (A Estrada), Asociación viguesa pola Memoria Histórica do 36 (Vigo), Colectivo Republicano de Redondela (Redondela), Asociación “Amigos de Johan Carballeira” (Bueu), Comisión Cidadá pola Verdade do 36 (Baixo Miño), CRMH d´A Coruña (A Coruña), Fundación 10 de marzo de CCOO (Galicia), Instituto de Estudos Miñoranos (Val Miñor), Asociación para a Defensa da Memoria Histórica e recuperación do Patrimonio Inmaterial de Teo, A Oliveira (Teo), Fundación Luis Tilve UGT (Galicia), Fundacion Galega contra a Impunidade "Fernando Pereira" , Asociación Cultural “O Naranxo” (Lalín), Asociación “Amigos da República” (Ourense), Comisión pola Memoria Histórica “Sempre con Vós” Cidadanía pola Verdade (Pontevedra), Asociación Cultural “Irmáns Suárez Picallo” (Sada), Asociación Cultural “O Meigallo” (Cuntis), Asociación Cultural “O Fervedoiro” (Cuntis), Asociación Cultural “Adellís” (Silleda), Asociación da memoria histórica “Sempre con vós” cidadanía pola verdade (Pontevedra).


4.88/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Prisión franquista na Illa de San Simón
Prisión franquista na Illa de San Simón
Presos fronte a un pavillón da prisión da Illa de San Simón / Imaxe: Ano da Memoria
Presos fronte a un pavillón da prisión da Illa de San Simón / Imaxe: Ano da Memoria
A que foi colonia penitenciaria sitúase na Ría de Vigo
A que foi colonia penitenciaria sitúase na Ría de Vigo