Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Desde Gales

Nace 'Galicia 21', a primeira revista dixital de estudos galegos

A publicación edítase en galego e inglés e no seu lanzamento inclúe artigos de María Reimóndez, María do Cebreiro e Anxo Lorenzo.

Redacción - 12:35 16/09/2009

Este verán veu á luz Galicia 21: Revista de Estudos Galegos Contemporáneos, a primeira publicación académica en liña sobre estudos galegos. Impulsada desde Gales por Craig Patterson, da Universidade de Cardiff, e Helena Miguélez-Carballeira, da Universidade de Bangor, pretende “converterse nun punto de encontro e de referencia para o crecente número de investigadoras e investigadores que conforman a comunidade académica internacional dos estudos galegos contemporáneos”.

Galicia 21 edítase en formato bilingüe, cos textos en galego e en inglés. A Universidade de Cardiff e o Centro de Estudos Galegos en Gales da Universidade de Bangor financian a publicación. Desde o seu lanzamento no verán, está a recibir consultas de académicos de todo o mundo, especialmente dos Estados Unidos, o Brasil e o Reino Unido, ademais de Galiza.

Situación do galego, Lusofonía e traducións
No primeiro número de Galicia 21 o profesor da Universidade de Vigo e agora secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asina un artigo académico sobre a situación actual da lingua galega, no que analiza o proceso de substitución do galego polo castelán nas últimas décadas, en paralelo á “xeración dunha ideoloxía lingüística favorecedora da recuperación social e cultural da lingua galega”.

Noutro artigo, o profesor Burghard Baltrusch traza un inventario comparativo dos discursos ideolóxicos sobre se Galiza debe ou non formar parte da Lusofonía. A tradución centra os artigos de María do Cebreiro (“Políticas e poéticas de segunda man: A espectralidade no proceso da tradución”) e María Reimóndez, (“The Curious Incident of Feminist Translation in Galicia: Courtcases, Lies and Gender-n@tions”.

Xunto a outros artigos e recensións de publicación académicas recentes, na revista inclúese unha entrevista a Domingo Villar e un artigo como escritor convidado de Miguel Anxo Murado. A publicación agarda ter unha periodicidade anual e manter en próximos números un formato similar.


Ligazóns

4.76/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: