Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O 2 de setembro

Pepe Rubianes será fillo predilecto de Vilagarcía

O Concello escolle a data na que o actor cumpriría 62 anos para homenaxealo cun espectáculo no que participarán cómicos e músicos cataláns e galegos

Redacción - 13:00 24/08/2009
O actor Pepe Rubianes

O actor Pepe Rubianes

O 2 de setembro cúmprense 62 anos desde que Pepe Rubianes naceu en Vilaxoán. Esa é a data que o Concello de Vilagarcía de Arousa elixiu para render unha homenaxe baixo o título “Pepe Rubianes, tamén noso” a un actor que se definía como medio galego, medio catalán. Ese mesmo día, o pleno municipal declararao fillo predilecto da vila.

O acto de homenaxe celebrarase o mércores 2 de setembro no pavillón de deportes de Fontecarmoa. No acto participarán artistas e amigos do actor, tanto de Galiza como de Cataluña. Na homenaxe estarán cómicos como Carlos Blanco, Quico Cadaval, Mofa & Befa, Miguel de Lira, Cándido Pazó, Carlos Latre, Manel Fuentes, Rafael Álvarez “El Brujo” e Carles Flaviá, compañías como Tricicle e Kukas e músicos como Lucrecia, Santiago Auserón, Cómplices e o colectivo de veciños “Vilaxoán canta”. A entrada será gratuíta con invitación.

Pleno extraordinario paralelo

Ao mesmo tempo que o espectáculo se desenvolve no pavillón, o Concello celebrará unha sesión plenaria extraordinaria na que se declarará fillo predilecto a Pepe Rubianes a título póstumo. O actor naceu en Vilaxoán en 1947, e trasladouse moi novo a Barcelona coa súa familia. Logo de pasar por compañías como Dagoll Dagom e Els Joglars, en 1981 iniciou a súa carreira en solitario, con espectáculos humorísticos e monólogos.

En televisión foi Makinavaja e protagonista da entrevista máis longa da historia da tele: oito horas e media no programa “Malalts de Tele”, de TV3. Rubianes, solamente foi o seu espectáculo de maior éxito. En 2006 dirixiu a montaxe Lorca somos todos, que foi vetada no Teatro Español de Madrid logo de que Rubianes fose denunciado polo Sindicato Colectivo de Funcionarios Públicos Mans Limpas por "ultraxes a España".


4.6/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: