Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O MORRAZO

O BNG pídelle ao goberno español que paralice as obras do porto deportivo de Cangas

Na iniciativa presentada no Congreso, os nacionalistas culpan ao anterior goberno local e a Autoridade Portuaria da situación á que se chegou.

Redacción - 14:30 23/08/2009
Tags: Cangas Massó

O Bloque decidiu empregar a estratexia parlamentaria para mostrar a súa oposición ao porto deportivo que se pretende construír no Salgueirón (Cangas). Nunha iniciativa presentada no Congreso, A deputada nacionalista Olaia Fernández Davila pídelle ao goberno español para que interveña e paralice as obras en Massó.

No texto afírmase que os traballos afectan notabelmente a actividade produtiva dunha extensa área marítima debido ao incremento de lixo na auga e á alteración de correntes. Un fenómeno que consideran especialmente prexudicial para un comarca tan dependente da actividade pesqueira.

Nunha nota de prensa o BNG lembra que a primeira autorización para construír o porto de Massó é de 2004, cando gobernaba con maioría absoluta o PP en Cangas do Morrazo e que agora vén ratificada, segundo sinalan, polos permisos da Autoridade Portuaria que preside a conservadora Corina Porro.

Pero máis alá de pedir a paralización, o escrito que se presenta agora no Congreso pide que o goberno español restitúa a situación orixinal da zona e e avalíe o posíbel impacto das mesmas para que se outorguen indemnizacións nun futuro. A iniciativa é complementaria coa presentada tamén polo Bloque a pasada semana no Parlamento de Galiza.

O Concello de Cangas está actualmente gobernado dende 2007 por unha coalición que conforman o BNG, o PSdeG e a Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE). Precisamente as obras de Massó foron un dos principais problemas de estabilidade do executivo local. A ACE e o Foro Social de Cangas acusaban á alcaldesa, a nacionalista Clara Millán, de non querer paralizar as obras. A rexedora, pola súa parte, sinalaba que non podía deter unha obra que, segundo sostén, non é da súa competencia.


4.8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: