Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A RÍA NON SE VENDE ACLARA

O Supremo non avala o proxecto do porto de Massó

Logo de Corina Porro apelase a unha suposta sentencia que legalizaría as obras, a plataforma de colectivos subliña que o alto tribunal nunca se pronunciou ao respecto.

Redacción - 13:30 11/08/2009

A Ría non se Vende advirte de que "non existe ningunha sentenza do Tribunal Supremo que avale a legalidade do porto deportivo" previsto nos terreos da antiga Massó, en Cangas. A plataforma de colectivos vese na obriga de facer esta aclaración logo de que "en máis dunha ocasión", a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, apelase a esta suposta sentencia que legalizaría a concesión da licenza para as obras.

O colectivo explica que para que o Supremo puidese pronunciarse, primeiro é necesario que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) tome unha determinación sobre o contencioso presentado pola Confraría de Pescadores San Xosé, que "dorme dende hai catro anos" nos andeis do órgano xudicial. O TSXG só resolveu até o de agora (hai xa tres anos) "denegar a paralización cautelar das obras", baseándose en que considera suficiente garantía a fianza depositada pola empresa promotora por importe de 631 mil euros, unha cantidade que a plataforma considera "ridícula", xa que "non cubriría nin dez meses de explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros da zona".

A Ría non se Vende explica que é sobre esa cuestión, e non outra, sobre a que se pronunciou o Supremo, quen desestimou o recurso presentado logo da denegación da paralización cautelar das obras do porto por parte do TSXG.

Novo intento de valar a zona
O grupo de persoas que vixían o entorno no que se están a acometer as obras impediu na xornada do luns que a empresa colocase novamente uns sinais para delimitar o seu ámbito de actuación e valar a zona. A Policía Local acudiu á chamada veciñal e a empresa tivo de abandonar o seu intento.

O concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo, lamentou o sucedido e acusou a Marina Atlántica de "vulnerar a legalidade de maneira lamentábel e vergoñenta, esnaquizando o pavimento coa escusa de colocar uns sinais". Asemade, anunciou a apertura dun expediente de infracción polo que considerou unha "provocación" por parte da subcontrata Excongal, que "envía maquinaria pesada e camións malia que o Concello ten sinalizada a restrición deste tráfico".


Ligazóns

4.94/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: