Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
SEGUNDO A CONFRARÍA

Un informe xurídico ampara a paralización das obras do porto de Massó

Recoñece a competencia municipal para intervir no seu territorio, malia a concesión realizada pola Autoridade Portuaria.

Redacción - 11:00 09/08/2009

"O luns, a alcaldesa terá que paralizar as obras de inmediato porque, do contrario, estaría prevaricando". O que fala é o avogado da Confraría de Pescadores, Alberto González, quen apela a un informe xurídico, elaborado polo especialista Jorge Buján, do que se desprende que as obras do porto de Massó "non se axustan á legalidade urbanística".

Segundo explicou o letrado, a propia alcaldesa, Clara Millán, encargara ao concelleiro de urbanismo, Mariano Abalo (Alternativa Canguesa de Esquerdas) ese informe para tomar posición sobre o conflito. Esta fin de semana o edil recibiu o devandito "Ditame sobre a adecuación a dereito da paralización municipal das obras e actuacións que se están a levar a cabo nos terreos de Massó pola mercantil Residencial Marina Atlántica", un documento que xustifica a intervención da alcaldesa para paralizar as obras do porto deportivo.

Este informe recoñece a competencia municipal para intervir no seu propio territorio, malia a concesión realizada pola Autoridade Portuaria, e paralizar os traballos que se están a executar sen a correspondente licencia do concello. O letrado subliña que a compañía non solicitou eses permisos ao ser consciente de que a legalidade non permite acometer esas obras, polo que lamentou que o executivo municipal aínda non tomase parte no asunto.

Á luz deste novo documento, Mariano Abalo reiterou a súa exixencia de que sexa a empresa a que xustifique a legalidade dos traballos que está a acometer, ao tempo que pediu a intervención da alcaldesa para que paralice as obras. Pola súa parte, Clara Millán asegurou que non baseará ningunha decisión en informes externos, coma este, senón que as decisións do executivo atenderán aos ditames emitidos polos técnicos municipais.


4.73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O informe, encargado polo concelleiro de urbanismo, foi elaborado polo especialista Jorge Buján
O informe, encargado polo concelleiro de urbanismo, foi elaborado polo especialista Jorge Buján
Veciños e mariñeiros exixen a paralización das obras, que carecen de licenza municipal, de inmediato
Veciños e mariñeiros exixen a paralización das obras, que carecen de licenza municipal, de inmediato