Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
CANGAS

Greenpeace súmase ás denuncias polo impacto ecolóxico do porto de Massó

Esixe a paralización das obras e subliña as perdas irreversíbeis que provocará o recheo para a explotación pesqueira e marisqueira.

Redacción - 18:45 24/07/2009
Greenpeace solidarízase cos detidos e pide que se deixe de perseguir a quen defende o medio ambiente

Greenpeace solidarízase cos detidos e pide que se deixe de perseguir a quen defende o medio ambiente

A asociación ecoloxista Greenpeace solicita ao Concello de Cangas e á Autoridade Portuaria que paralicen as obras do porto deportivo de Massó. Denuncian o "grave impacto ecolóxico" que o recheo da construción ocasionará na área, así como as perdas que ocasionará aos mariñeiros, xa que se trata dunha zona con gran valor biolóxico, na que a Confraría de Pescadores de Cantas ten autorización para faenar.

Lamentan que, malia "o seu gran impacto e as manifestas irregularidades na tramitación administrativa", Residencial Marina Atlántica comezase as obras para o amarre deportivo de 420 embarcacións. Así, recordan que os mariñeiros denunciaron en diversas ocasións que a zona escollida "é un criadeiro natural de nécoras, camaróns, ostras e peixes", ademais de estar demostrada "a presenza de fondos de Maërl, que teñen unha protección especial exixida pola Unión Europea" (Directiva 92/43 CEE, do Consello de 21 de maio de 1992).

Solidariedade cos detidos
Doutra banda, Greenpeace exixe ás autoridades que "deixe de perseguirse a quen defende o medio ambiente", en referencia aos 16 veciños que foran detidos o pasado luns. En contraposición, piden "que se abra un proceso de diálogo cos axentes sociais sobre o futuro do Salgueirón, tanto no que respecta ao porto deportivo como á urbanización proxectada en terra, e que aclaren todas as irregularidades".

Entre estas anomalías, mencionan que "as obras non contan con licenza municipal, exixible en todas as actuacións que non sexan estritamente portuarias ou de interese xeral"; que a Autoridade Portuaria de Vigo aínda non aprobou un Plan de Usos nin o Plan Especial do Porto de Vigo no concello de Cangas; que existe un contencioso administrativo contra o recheo imposto pola Confraría ante o Tribunal Superior de Xustiza, aínda sen resolver; que parte da obra afecta directamente ao espazo natural Barra, Cabo Home, que goza de protección dende o 91; e que a actuación tampouco está recollida dentro das normas urbanísticas vixentes, que cualifican a zona como solo industrial cun 10% reservado a zona residencial.


Ligazóns

4.75/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: