Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
COMUNICADO

O Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña únese á defensa da lingua

Súmase ao da Universidade de Santiago pedíndolle á Xunta que garanta a presenza do galego no ámbito da educación.

Redacción - 18:58 15/06/2009

Se hai uns días era o Departamento de Galego da Universidade de Santiago de Compostela quen pedía ao presidente da Xunta que recapacitase sobre os camiños que está a tomar a política lingüística do goberno, agora únese á moción o Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña. Nun comunicado remitido ao presidente da Xunta, á presidenta do Parlamento, ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística exixen que o goberno "tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns e das cidadás a seren atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posíbel vivir en galego".

Reproducimos aquí o comunicado:

O Consello de Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC acordou, en reunión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2009 na Facultade de Filoloxía, dirixir o seguinte escrito ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, e remitir copias á Excma. Sra. Presidenta do Parlamento galego, ao Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:O Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega e, nomeadamente, polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia, cuxa orientación é retirala da función pública e diminuír a súa presenza no ensino non universitario, a pesar de ser unha obriga legal a promoción tanto do seu uso normal na sociedade como o seu emprego especificamente neste ámbito. A adopción de medidas como a supresión da proba en galego para acceder á administración é socialmente moi negativa, xa que poderá dar entrada na función pública a funcionarios descoñecedores dunha das dúas linguas oficiais, co que o atendemento en galego a quen o así desexar non está garantido. Canto á situación do galego no ensino non universitario, un ámbito en que tamén cumpriría intervir para ampliar o seu uso como lingua da docencia, observamos con perplexidade a aposta por confinalo a espazos marxinais e rituais, no canto de defender a necesidade de se actualizar e modernizar servindo de canle de expresión a todo tipo de coñecementos, incluíndo neles os científicos, tecnolóxicos e de maior prestixio social. A decisión de realizar unha consulta ás familias sen desenvolver unha potente campaña informativa previa e sen posuír o visto e prace dos/das profesionais do ensino e do alumnado resulta de dubidosa legalidade, mesmo sen entrarmos a analizar o contido e a formulación dunhas preguntas que distan moito de seren neutrais.Con estas accións, e coas reiteradas declaracións de membros do goberno galego, estase transmitindo á cidadanía a idea de que a lingua galega non é nin necesaria nin útil e estanse a reforzar os vellos preconceptos lingüísticos, o que sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun proceso de grave retroceso social e de abandono de usos.
No tocante ao ensino non universitario, como docentes universitarios e desde unha perspectiva académica, consideramos que a Xunta de Galicia incorre nunha grave irresponsabilidade ao lles trasladar a pais e nais decisións que lles corresponden aos poderes públicos. Para alén diso, xulgamos imposíbel que se garanta o coñecemento e o uso do galego reducindo a xa escasa docencia en galego e contrariando o espírito da Lei de normalización lingüística. Por outra parte, o decreto vixente na actualidade a este respecto estaba fundamentado na defensa dos principios e das medidas incluídas no Plan xeral de normalización da lingua galega, un texto aprobado por unanimidade das forzas políticas con representación no Parlamento galego.
De acordo coa lexislación vixente, e conforme co seu carácter de lingua oficial do noso país, instamos a que o goberno da Xunta de Galicia tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns e das cidadás a seren atendidos/as en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posíbel vivir en galego. Animamos tamén o goberno da Xunta a que xere un clima positivo cara á lingua galega que atenúe e desfaga os prexuízos que contra ela existen aínda na nosa sociedade, como se puxo abertamente de manifesto nos últimos meses.Facemos, pois, en primeiro lugar, un chamamento ao Goberno da Xunta para que rectifique o seu comportamento contra a lingua do País. En segundo lugar, animamos a todo o pobo galego a defender o idioma dos nosos devanceiros, conservándoo e enriquecéndoo co uso diario en todos os ámbitos e en toda situación.


4.81/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: