Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REMATOU A CRISE INTERNA NO BNG?

Unha Executiva en dous bloques

A principal organización política nacionalista escenifica a existencia de dous grandes movementos internos que, de non entenderse, corren o risco de sufrir o mal de Pirro.

Ramón Vilar - 00:35 11/05/2009
Tags: asemblea BNG

Case doce horas durou unha asemblea extraordinaria que, sen dúbida, vai marcar un punto de inflexión dentro da historia do BNG. Nunca nos case 27 anos de andaina da fronte nacionalista se vira unha batalla tan dura polo control dos órganos de dirección. Ao remate do plenario, a colocación dos quince novos membros da Executiva Nacional (oito para un lado e sete para o outro) era a mellor metáfora da batalla vivida.

Se as facianas eran o reflexo da situación interna, a fotografía dos membros do Consello e da Executiva Nacional non eran este domingo moi esperanzadoras: os dirixentes da UPG con cara de ter gañado a batalla polo pelo dun carneiro; polo outro os de Aymerich  pensando que unha derrota, aínda que sexa pola mínima, non deixa de ser derrota. No medio, coma unha especie de náufrago que o mar levase de súpeto a terra, Rafa Villar, de Movemento ao Socialismo. Detrás, Beiras e os seus maulando a estraña sensación que dá forzar unha Asemblea extraordinaria e ficar á deriva.

As feridas xa non se curan con betadine
“Non só aspiro á unidade, tamén á fraternidade” atronaba a voz de Guillerme Vázquez no seu primeiro discurso como novo portavoz. E aínda que o auditorio parecía querer estourar con tanto aplauso e berro de “benegá, benegá”, as feridas internas que arrastra o Bloque nos últimos anos precisan de moito máis que simples curas con betadine. E é que, máis aló das fracturas internas, hai un síntoma case máis preocupante: a falta de saiva nova. Na fotografía aérea desta asemblea destacaban as calvas e as canas. Da mocidade que na década dos 90 espallaba a mensaxe nacionalista por barrios e aldeas apenas queda rastro.

Tamén é certo que non había solucións máxicas para saír indemnes. A organización nacionalista intentaba reconstruír un avión que se estrelou o pasado 1 de marzo. A dereita volveu a San Caetano polas “luces e sombra” no bipartito (palabras do novo líder) pero tamén polas grandes diverxencias dentro do propio BNG. Abonde lembrar a última asemblea ordinaria (decembro de 2006). Un ano e medio despois de chegar ao Goberno, a daquela maioría oficial (UPG e “quintanistas”) tumbaba un sector crítico que contaba co 38% da militancia. O Bloque non foi quen de desfacer aquela amarga instantánea de vencedores e vencidos.

Desaparecidos en combate Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Fermín Paz e Anxo Quintana, dos protagonistas daquela crítica asemblea de 2006 só o incombustíbel Francisco Rodríguez se mantén en primeira liña. A UPG repescou para a Executiva ao seu secretario xeral, o mesmo que os “quintanistas” querían ver “retirado” como contraprestación pola baixa do de Allariz.

O perigo das vitorias pírricas

Guillerme Vázquez vai ser nos próximos tempos a cara do BNG. El sabe que non ten case ningunha opción de ser candidato á Xunta e que terá que xogar o seu papel até que a tribo unxa ao elixido. O de anfitrión xa o comezou a exercer días antes de ser elixido portavoz nacional. Poucos saben que o concelleiro pontevedrés convidou a comer na súa  casa de Pontevedra ao principal rival na loita pola portavocía: Carlos Aymerich. Aínda que o acordo xa se sabía imposíbel, os dous tiveron a oportunidade de ensaiar unha breve tregua no medio da guerra.

A principal forza política do nacionalismo galego intentou este domingo salvar unha crise que se traduce elección tras elección en perda de votos. A UPG e os partidarios de Aymerich poden caer na trampa dos espellos: os primeiros gañan e os segundos consolídanse como oposición con posibilidade de ser un día maioritarios. Pero os dous bandos tamén corren o risco de Pirro. Contan que o rei de Epiro, logo de gañarlle un combate aos romanos, exclamou ao ver tantos seus soldados mortos: “Outra vitoria así e volvo só para a casa”.


4.74/5 (54 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un total de 2.500 delegados participaron na asemblea
Un total de 2.500 delegados participaron na asemblea
Guillerme Vázquez, substitúe a Anxo Quintana como portavoz nacional dos nacionalistas
Guillerme Vázquez, substitúe a Anxo Quintana como portavoz nacional dos nacionalistas
A candidatura á Executiva que encabezaba Aymerich logrou case o 45% dos votos
A candidatura á Executiva que encabezaba Aymerich logrou case o 45% dos votos
Os "irmandiños" viron como quedaban fóra do máximo órgano de dirección, logo de ter forzado a asemblea extraordinaria
Os "irmandiños" viron como quedaban fóra do máximo órgano de dirección, logo de ter forzado a asemblea extraordinaria