Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUBSTITUIRAO UN MESTRADO

Os Comités láianse pola desaparición do CAP

A organización estudantil critica que se amplíe en seis meses e aumente tamén o prezo do que antes se coñecía como Curso de Adaptación Pedagóxica.

Redacción - 18:25 21/04/2009
Comités Abertos

Comités Abertos

Os Comités comezarán nas vindeiras semanas unha campaña coa que pretenden facer sentir a súa desconformidade respecto ao novo modelo de Curso de Adaptación Pedagóxica (CAP).

A organización estudantil critica o aumento na duración do curso e o seu encarecemento que, segundo Marcos Loureiro, responsábel nacional de Universidade dos Comités, constitúe "unha traba máis para a integración no mundo laboral".

Así, Loureiro afirmaba que a mudanza ao modelo de Mestrado en Educación Secundaria é unha consecuencia directa do Plan Boloña. Criticou que o prezo do curso pase dos actuais 600 euros a unha cifra que oscilará entre os 1.200 e os 1.700 euros.

Ademais, sinalou que o número de prazas reducirase "drasticamente", "pasando das 600 dos últimos anos ás 200 do vindeiro". Por último criticou que se remate co modelo presencial, impedíndolle á xente compaxinar o traballo co estudo deste curso.

'Que non te CAPen co Mestrado'
As roldas de prensa que se ofrecerán nos vindeiros días servirán para presentar a campaña Que non te CAPen co Mestrado, que rematará o día 6 de maio. Nesa xornada haberá peches nas faculdades, asembelas nos campus e escenificarase o enterro do anterior CAP.

Loureiro explicou que con estas medidas os Comités pretenden estabelecer unha vía de diálogo na procura dun acordo "que non sexa tan prexudicial" para os estudantes.


4.17/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: