Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG PIDE EXPLICACIÓNS

O choque entre submarinos nucleares puido producirse a poucas millas de Fisterra

Malia que non se sabe o punto exacto do Atlántico onde se produciu a colisión, na súa ruta o batiscafo francés pasou por Fisterra.

Redacción - 18:04 18/02/2009

A grande profundidade e nas augas do Océano Atlántico. Estas son as únicas coordenadas exactas que até o de agora se coñecen do choque entre o Vanguard británico e Le Triomphant francés, dous submarinos de propulsión nuclear e dotados con mísiles de cabeza atómica. O francés dirixíase cara a súa base en L'lle Longue, preto de Brest (no noroeste francés) e o inglés viaxaba en dirección contraria procedente da súa base en Faslane, no Firth of Clyde, na costa oeste de Escocia. A información concreta sobre a traxectoria e situación destes batiscafos non transcendeu por ser datos competentes ás autoridades militares da OTAN, se ben é certo que na súa ruta, o submarino francés pasou pola Fisterra galega.

Con todo, ante a falta de información son moitas as especulacións sobre o lugar exacto do choque. Así por exemplo, o diario inglés Daily Mail asegura que sucedeu a 1000 pes de profundidade no Golfo de Bizkaia, e mesmo adianta que algúns mariñeiros franceses que regresaban á súa base escoitaron a explosión.

Antecedentes
Este suceso, que se tería producido o pasado día 3 de febreiro, acontece despois de que nos pasados meses recalase no porto de Ferrol un submarino nuclear inglés para solucionar algunha avaría, segundo explica a Vieiros o deputado do BNG, Bieito Lobeira. Este feito pon de manifesto a existencia de buques deste tipo nas proximidades das nosas costas para realizaren manobras de adestramento no marco de operacións da OTAN. De feito, existe a delimitación dun polígono de tiro naval, no que mesmo hai restricións tanto a nivel marítimo como a nivel de aviación comercial, no que se fan prácticas con fogo tanto con unidades de superficie, como con unidades submarinas.

Piden explicacións
O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, pediu este mércores ao goberno español que exixa explicacións tanto a Francia como a Reino Unido por este choque, así como que se aclare o punto exacto da colisión. O nacionalista subliña que "de terse producido a unha velocidade maior, o accidente tería orixinado un desastre humanitario e ambiental", xa que "o plutonio dos mísiles tería saído á atmosfera e as consecuencias serían moi graves".

Precisamente, o grupo parlamentario nacionalista xa presentara no pasado mes de xuño unha pregunta parlamentaria sobre os riscos vencellados ás manobras militares que realiza a Alianza Atlántica nas costas galegas. Explicaban entón que nestes exercicios estaban a intervir un portaavións, un buuque de asalto anfibio, oito fragatas, dous submarinos (un de propulsión nuclear), sete cazaminas e unha embarcación de apoio loxístico.


Ligazóns

4.58/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: