Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALIZA2009

Caride si, pero...que hai do meu?

O aparato do PSdeG vende cara a inclusión de Caride nas listas. Nun pacto non escrito, as diferenetes agrupacións foron "esquencendo" o nome da conselleira.

R.V. - 13:25 13/01/2009

Que María Xosé Caride é unha das trabes de Touriño é a estas alturas xa un axioma. Cando o presidente designou á que fora súa alumna como conselleira de Política Territorial, o “aparatchik” socialista sufriu unha verdadeira convulsión. Un dos departamentos máis apetecíbeis caía nas mans dunha independente. Consciente disto, Caride non tardou en pasar pola rúa do Pino para obter o pasaporte socialista. E surtiu efecto, o pasado verán, coa beizón dun congreso, a profesora de Economía entraba no máximo órgano de dirección do PSdeG.

Mais Caride tivo que pasar nos últimos días un particular referendo: o das asembleas locais. Nun pacto non escrito, as diferentes agrupacións da provincia de Pontevedra foron esquencendo deliberadamente o seu nome. A última hora, e non sen algúns rechíos, a asemblea de Vigo rescatou á conselleira. Ben menos problemas tivo a conselleira de Pesca, Carme Gallego. Ela, con pedigree de rosas e puños, conta co apoio interno de numerosas agrupacións.

A inquietude dalgúns cadros que se coordinaron para dar un pequeno golpe na mesa tiña unha explicación doada: Pontevedra é onde as enquisas anuncian máis problemas para o PSdeG. Se a isto se lle suma que hai que facer sitio para o presidente e para a conselleira de Política Territorial a preocupación é maior. E por último o nome doutro independente: Xosé Ramón Fernández Antonio. Aínda que o conselleiro de Economía nega que teña interese en ir nas listas, o certo é que o entorno de Touriño fixo no seu momento movementos para colocalo nas listas.

A Coruña, sen Paco Vázquez acabou o amor
A agrupación local coruñesa xa non é aquela lexión que apoiaba sen discusión as teses de Francisco Vázquez. Co ex alcalde no Vaticano, o pulso polo control non tardou en aparecer. Por un lado, o novo rexedor, Xabier Losada, e polo outro o concelleiro e presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda.

 Quizais por iso, o aparato galego quixo no último congreso darlle oxíxeno a outra figura: Mar Barcón. A secretaria de Organización do PSdeG ten garantido o posto número un pola Coruña. Por detrás dela, o conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu, máis afeito a manter a súa propia autonomía nas guerras locais.

Xaquín Fernández Leiceaga (na cota compostelá) semella ter case todos os boletos para estar no terceiro ou cuarto posto pola Coruña, e iso que non foi o máis votado na asemblea local celebrada este luns, onde Luis Toxo logrou máis apoios.

En Ourense e Lugo hai baróns: Pachi Vázquez e Varela

Onde as augas andan máis tranquilas é en Ourense e Lugo. Na primeira circunscrición, o conselleiro Manuel Vázquez irá acompañado na lista pola alaricana Laura Seara. Na segunda, a Ricardo Varela ten mans libres para retellar unha lista que el mesmo se agarda que encabece.


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: