Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na contra atrás para os comicios

Primeiras escaramuzas políticas para entrar nas listas

As tres principais forzas políticas comezan a esbozar xa a composición das súas candidaturas de cara a cita electoral.

Redacción - 09:00 26/11/2008

Sabedores de que en menos de catro meses vai haber eleccións (no Goberno dan por feito que a data elixida vai estar no período comprendido entre o 22 de febreiro e o 15 de marzo), as tres principais forzas políticas do país están xa sufrindo as clásicas turbulencias previas. Os aspirantes a ocupar un escano na rúa do Hórreo xa empregan os cóbados para facer sitio.

No PSdG os principais problemas, á hora de elaborar as listas, preséntanse na circunscrición de Pontevedra. Dáse por feito que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, vai ser o cabeza de cartel na provincia. Canda el, no segundo posto estaría a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride. Aínda que ao principio da lexislatura existía certo malestar entre a militancia polo protagonismo dunha independente, a estas alturas moi poucas voces discuten xa a súa presenza (sobre todo logo de entrar este verán na Executiva do PSdeG). A presenza de Touriño e Caride na lista de Pontevedra achica espazos a outros dirixentes. Entre os socialistas dan por feito de que están máis que asegurados sete asentos na circunscrición.

Pero quen decide as listas no PSdG? Segundo recoñecen cadros desta formación, estas candidaturas “cocíñanse” basicamente dende a Compostela. Touriño e os máis altos cargos do partido deciden os postos claves das listas. Porén, estes serán os últimos comicios que suceda isto. Logo das eleccións, celebraranse congresos provinciais que decidirán cadansúa executiva. Estes órganos de dirección van ser decisivos nun futuro á hora de elaborar as listas (tanto as locais como as galegas). Sabedores disto, cadros como o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, xa moveron ficha (tal e como informamos o pasado mes de maio) para ser “homes fortes” nas súas provincias.

A outra formación do Goberno, o BNG, tamén puxo a andar a maquinaria electoral. Aínda que non principiou oficialmente o proceso para a confección de listas, diferentes fontes consultadas por Vieiros recoñecen que xa hai movementos detrás do telón. De feito, algúns xa comezaron hai meses cando se daba por feito que Touriño ía anticipar os comicios a este outono.

A UPG e o chamado sector “quintanista” negociarán a composición das listas e de feito xa hai algúns tanteos. O Bloque quere aproveitar as “caras coñecidas” da Xunta, por iso os postos de saída van estar copados por altos cargos do Goberno. Tamén se dá por feito que non van figurar nas listas os dirixentes dos chamados “sectores críticos”.

Marxe de manobra para Feijoo

O que aconteza en Galiza nos vindeiros comicios vai ser crucial tamén para Mariano Rajoy. Aínda que antes do verán ninguén no PPdeG estimaba posíbel recobrar a maioría absoluta, agora considérase que a crise económica pode facerlle moito dano ao bipartito. O entorno de Núñez Feijoo quere que entre a militancia calle a idea de que é factíbel esa maioría.

Feijoo inaugurou o pasado domingo a precampaña en Santiago. Como nos mellores tempos, os alcaldes “populares” lograron encher o Pazo de Congresos, que se viu desbordado pola presenza de simpatizantes de todos os recunchos do país. O líder do PPdeG vai ter marxe de manobra para elaborar as listas (nas que se agardan bastantes caras novas), aínda que en bastións como Ourense vai ter que contar coa opinión de Baltar. Ex conselleiros da época Fraga como Manuela López Besteiro, Santiso Miramontes, López Veiga ou Aurelio Miras Portugal deixarán paso a outros nomes nas candidaturas.

A pesar dos malos datos económicos e do crecente optimismo nas filas populares, alcaldes do PPdeG consultados por Vieiros recoñecen que obter a maioría absoluta é practicamente un “milagre”. Por iso sinalan que se se repetisen os resultados de 2005 (37 deputados) ou se a baixada fose mínima (un ou dous deputados) Núñez Feijoo tería o camiño expedito para resistir catro anos máis á fronte da oposición.


4.13/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: