Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
PROGRAMA "CAMIÑOS NATURAIS"

Andar a riqueza natural do país

Cunha senda na Costa da Morte, comeza a recuperación de até 746 quilómetros de camiños non motorizados, de grande riqueza natural e valor histórico do litoral e o interior de Galiza.

Redacción - 19:15 28/07/2008
Vista de Muxía

Vista de Muxía

A Xunta e máis o Ministerio de Medio Ambiente anuncian a súa intención de recuperar os vellos camiños e as sendas naturais galegas coa presentación do Programa Camiños Naturais. O programa prevé a recuperación de catro itinerarios naturais: a Vía Nova en Ourense; Costa da Morte (Fisterra); a ruta de San Rosendo en Lugo e a vía do Cantábrico, entre Lugo e A Coruña.

O primeiro treito que se ha recuperar, a ruta da Costa da Morte, consiste na rehabilitación de máis de 28 quilómetros de camiño entre Fisterra e Muxía. Esta nova senda seguirá o trazado do Camiño Xacobeo ao seu paso polos concellos de Muxía, Cee e Fisterra, excepto nalgúns puntos concretos para evitar o uso de estradas asfaltadas.

As obras comezarán en setembro e rematarán na primavera de 2009, medio ano antes do inicio do vindeiro Xacobeo, co que os peregrinos que se acheguen a Compostela xa poderán gozar da nova senda.

A etapa comezará nas proximidades da Punta da Barca, en Muxía, xunto ao santuario da Virxe da Barca e a escultura d'A Ferida, en lembranza da catástrofe do petroleiro ‘Prestige’, e rematará na vila de Fisterra, tras percorrer espazos como a praia de Langosteira, a de Lourido ou o miradoiro e o cruceiro de San Roque.

O camiño servirá tamén para enlazar toda a Costa da Morte, de Laxe a Muros, pasando polos termos municipais de Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cee, Corme e Ponteceso, e recuperar os vellos camiños e sendas tradicionais de conexión entre os lugares de interese dende a Idade Media.

O programa conta cun orzamento conxunto entre a Xunta e o Ministerio de Medio Ambiente que ascende a un total de 7 millóns de euros, dos que a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible aportará tres para a recuperación dos itinerarios de Vía Nova e A Costa da Morte, mentres que o Ministerio custeará, con catro millóns, as actuacións a realizar nas rutas de San Rosendo e do Cantábrico.


4.75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: