Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
LINGUA E CINEMA

"Os dereitos lingüísticos dun galego desaparecen ao entrar nun cine"

Bieito Lobeira e Marisol López debateron no Parlamento a conta da presenza da lingua galega nos filmes proxectados nas salas comerciais.

Marcos S. Pérez - 09:30 13/06/2008

O debate entre a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o deputado do BNG Bieito Lobeira, centrou a Comisión sobre Educación e Cultura celebrada esta mañá no Parlamento. O deputado nacionalista realizou unha pregunta sobre o apoio do Goberno á dobraxe ao galego de filmes para a súa estrea nas salas comerciais. Puxo como exemplo de boa xestión o acordo ao que chegou a Generalitat de Cataluña para a estrea en catalán do último filme de Indiana Jones.

Así mesmo, Lobeira esixiu o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, que prevé a dobraxe ao galego cada ano de dez filmes con espectativas comerciais. O deputado destacou así mesmo o éxito acadado por Pradolongo, que malia ás dificultades (ningunha sala comercial accedeu a proxectar o filme en Santiago de Compostela), xa foi visto por máis de corenta mil persoas.

Marisol López botou balóns fóra, e buscou as causas da practicamente nula oferta de cinema en galego nas salas do país en factores estruturais do mercado cinematográfico, coma a diminución no número de espectadores, o peche de salas, a concentración da súa propiedade e a aparición de novos soportes, tal que os DVD's e os teléfono móbiles. Así mesmo, destacou o apoio que a Xunta empresta á produción e promoción de filmes galegos e en galego, como o promio Pradolongo, Abrígate ou Casa da Luz. Finalmente, lembrou que o Goberno ten encetado negociacións con diversas distribuidoras para a incorporación da dobraxe ao galego nos seus filmes.

A secretaria xeral amosouse segura "de que as novas liñas emprendidas darán os froitos, pouco a pouco", o que foi respondido por Lobeira que van "tan pouco a pouco que non lle miramos virtualidade" e cualificou os avances de "paso paquidérmico". En consecuencia, esixiu o cumprimento do devandito Plan Xeral de Normalización, para conseguir que o galego continúe "vetado e excluído" nos cines da Galiza, pois -dixo- "Os dereitos lingüísticos dun galego desaparecen ao entrar nun cine".


4.78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: