Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA

Cultura valora levar a Armada aos tribunais logo do espolio dun galeón en Fisterra

Tamén abrirá un expediente sancionador, xa que os primeiros estudos confirman que desapareceu un canón e oito lastres de chumbo.

Redacción - 18:23 22/05/2007
Panorámica da praia de Sardiñeiro

Panorámica da praia de Sardiñeiro

Arqueólogos da Consellería de Cultura mergulláronse este martes na praia de Sardiñeiro (Fisterra) e puideron comprobar que o galeón do século XVI que está alí afundido sufriu un espolio. Os técnicos botan en falta un canón e oito lastres de chumbo. Dende o departamento da Xunta sinalan que van continuar os traballos nos vindeiros días porque sospeitan que poden faltar máis obxectos.

Na Dirección Xeral de Patrimonio agardan que os técnicos elaboren un informe completo para abrir expediente sancionador contra a Armada española. Os feitos constitúen unha infracción grave que comporta multas entre 60.000 e 150.000 euros. Mais na Consellería de Cultura coidan que o sucedido é suficientemente serio como para denuncialo tamén pola vía penal. Os xuristas avaliarán unha máis que posíbel demanda por apropiación indebida. O feito sentaría un precedente único, xa que a Armada nunca foi denunciada formalmente por ningún departamento da Xunta.

As novas probas semellan desmentir a versión da institución militar. Esta asegurou nun primeiro momento que as dotacións tan só estaban realizando manobras para as que tiñan permisos e negaban calquera espolio.

A voz de alerta dérona os mariscadores
Tal e como informaba Vieiros o pasado día 15, a alarma saltou cando mariscadores fisterráns observaron como mergulladores da Armada traballaban na zona onde está afundido o barco. Algúns veciños apuntaron que un camión do exército agardaba en terra mentres tanto. A raíz disto, a Dirección Xeral de Patrimonio decidiu denunciar os feitos diante da Garda Civil do Mar e comezar tamén unha investigación propia.

Por outra parte, o xornal La Voz de Galicia apuntaba hoxe que o fiscal está investigando outro posíbel espolio nun galeón do século XVIII afundido preto das Cíes. As sospeitas nestes caso diríxense a un barco 'cazatesouros' británico, o John Lethbridge.


Ligazóns

4.9/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe dun dos canóns do galeón afundido / Foto cedida por buceofinisterre.com
Imaxe dun dos canóns do galeón afundido / Foto cedida por buceofinisterre.com