Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA ZONA DO SARDIÑEIRO

Investigan o posíbel espolio dun galeón do século XVI afundido en Fisterra

Mariscadores da zona afirman ter visto mergulladores da Armada nas proximidades do lugar onde se atopa o buque.

R.V. - 22:10 15/05/2007
Zona do Sardiñeiro, onde está afundido o galeón

Zona do Sardiñeiro, onde está afundido o galeón

Os mariñeiros de Fisterra foron os primeiros en dar a voz de alarma. Eles foron os que viron unha embarcación da Armada o pasado xoves día 11 na zona do Sardiñeiro. Da mesma dotación formaba parte unha lancha pneumática onde viaxaban varios mergulladores que estiveron pola zona onde está afundido o galeón. Agora investígase se detrás destas manobras pode haber un novo episodio de espolio na Costa da Morte.

Miguel San Claudio Santa Cruz, un dos maiores expertos en arqueoloxía submariña, coñece á perfección o buque. De feito, el era un dos encargados dun proxecto para facer investigacións na zona. A finais do ano pasado elaborou un informe para a Dirección Xeral de Patrimonio onde se daba boa conta dos restos. Entre outros obxectos de valor atópanse pezas de artillaría e cerámica. San Claudio, que tamén é coñecedor da información da que se fai eco Vieiros, agarda que en breve haxa un estudo oficial para determinar se existiu tal espolio e que se precise os obxectos que faltan.

Expolios históricos
O propio San Claudio chama a atención sobre este tipo de actos e pregúntase por que acontecen sempre en Galiza e non noutras costas como pode ser a vasca ou a catalana. Lembra outros espolios históricos no litoral galego, algúns protagonizados pola propia Armada, que ou ben acabaron en museos militares ou incluso en mans de coleccionistas privados.

O máis significativo é que o Ministerio de Defensa non ten ningún tipo de facultade legal para levar adiante este tipo de prospeccións. En calquera caso, calquera actuación sobre este legado ten que contar cun permiso expreso da Dirección Xeral de Patrimonio, que é o departamento quen ten todas as competencias en Galiza.

A frota de Martín Padilla
O galeón pertence a unha frota de 25 naves comandada por Martín de Padilla que se dirixía a Irlanda. Felipe II de España mandou esta frota en apoio de Hug O'Neill, conde de Tyrone, que resistía naquel momento a invasión inglesa Os buques afundiron un 28 de novembro de 1596 por mor dun virulento temporal. A consecuencia do naufraxio morreron 1706 soldados.

Martín de Padilla, conde Buendía e Santa Gaeda, naceu en Catalañazor. En 1585, Felipe II nomeouno capitán xeneral das galeras españolas. Participou na famosa batalla de Lepanto. En 1602 morreu en Puerto de Santa María.

A frota que se afundiu fronte á Costa da Morte está aínda pouco estudada. En 1988 o arqueólogo aragonés Manuel Martín Bueno dirixiu a escavación dun dos barcos afundidos. Durante os traballos recompilou numerosos datos e recuperou 2.500 moedas de prata da época.


4.67/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: