Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

O poder psicotrópico dos números

10:10 15/03/2009

Días despois dunha das últimas consultas electorais, xuntámonos a elite bloqueira local para analizar os resultados da campaña. Que non foran bos, ou alomenos non os agardados, daban cumprida testemuña as fasquías de derrota dos alí presentes.

Tomou entón a palabra un dos camaradas –un da vella garda- e suxeriunos comparar os nosos cos de Marín, e a cousa xa pintaba un pouco mellor; despois mandounos restarlle os de Muras, e máis despois que dividiramos o resultado anterior por tres coma cinco. Aínda hoxe non sei o por que dese divisor e non outro, pero viamos ó compañeiro tan firme e seguro de si mesmo que ninguén chistou. E o certo é que aquelo xa era outro cantar; e cando nos dixo que podiamos elevalo á raíz cadrada dos resultados en Castro Ribeiras de Lea, ninguén o dubidou.

E aquelo converteuse nun clamor de cantos e aleluias. Como queira que as operacións aritméticas se facían a pelo –sen axuda de lapis, papel ou calculadora-, os números aboiaban ceibos por riba das nosas cabezas e abondaba só con estarricar un chisco a man para collelos e facer máis e máis cálculos. Xa nas estremas do paroxismo escoitáronse os estalos daqueles miolos que non puideran resistir tamaño trasfego numérico, quedándolle ós interfectos unha expresión de apampada felicidade nas facianas.

Cando demos por rematado o conclave, baixamos á rúa abrazados, co riso apaisado de orella a orella e cantando himnos varios (eu o do Barça, outros o de Pondal e un de Zobra asubiaba anacos dunha cuquiña adaptación da Bohemian Rhapsody feita pola Banda de Muimenta). Non era para menos, pois viñamos de gañar as eleccións e nin conta nos deramos.

4,63/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións