Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


O rei espido

18:30 03/10/2008

Alguén terá que dicir que o rei vai espido, mellor dicilo en colectivo; dicir que os cortesáns adúlano de xeito interesado porque lles sirve para vivir sen dar pancada, e que nos apampa o muro de silenzo que hai sobre a realidade, pano real e abafante.

 Alguén terá que dicir que  falla a estrutura do modelo económico e social da globalización capitalista, que tras un decenio de fortes crecementos económicos no PIB ( ese crecer que supón a eliminación e malbaratamento da nosa terra ) a resaca dos mesmos sexa un enorme excedente pero terriblemente repartido: todo para o empresariado, e a perda de poder adquisitivo nos salarios reais das traballadoras e traballadores certificado pola central de balances do Banco de España.

Beneficios empresariais producidos polos traballadores e traballadoras e que non foron investidos en modernizar o noso aparato produtivo, en mellorar a estabilidade no emprego, en reducir a precariedade laboral, en transformar, en suma, un modelo económico aínda dabondo ancorado nos baixos salarios, a precariedade e a produción con baixo valor engadido. Polo contrario semella que cando volve a ruxir a crise : máis paro, inflación e carestía da vida, tornan outra vez a pedir que se afoguen co cinto os que xa estamos sen el. Petición mesturada coa esixencia de que compitamos con ferocidade entre nós, para o que non dubidan en alimentar  un discurso xenófobo sobre a inmigración.

Mentres, precipítannos na crise os superbeneficios empresariais, nun trebón que ten que ver coa formidable maquinaria de enxeñería financeira que devora e pola que se van horas e horas de traballo, os soños da vida, as arelas da meirande parte da sociedade  e as capacidades de autogoberno das sociedades. E arden polígonos industriais clandestinos, sen servizos e con empresas onde non hai dereitos sindicais ou de calquera outro tipo. U-la prosperidade de antes para os traballadores; só nos esixen os sacrificios de hogano.

Porén, serán as loitas polo emprego estable e con dereitos, o  gasto social nos servizos públicos, os investimentos públicos contracíclicos, o investimento en gasto social, os que permitan pór as bases doutro modelo social, baseado na xustiza e a sustentabilidade, as que poden devolver a clase traballadora a confianza nas súas capacidades para producir humanidade, para enfrontar a barbarie da globalización capitalista, que xa non se anuncia, que xa está nos nosos centros de traballo, universidades, barrios... O rei vai espido e co noso traballo e porvir.

3,38/5 (29 votos)


Comentarios (10)

ecoe #1 3/Outubro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

A globalización vense vindo abaixo e o que queda é o Imperialismo a secas e as corporacións seudomonopólicas: os cartos de Bush non rescatan a banca €U, só a USA, non era que xa non había fronteiras, e, o €$tado era millor reducido ó mínimo???)

Longchamp #2 3/Outubro/2008 Longchamp
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Pero Yolanda, quen che enganou? Quen che fixo crer que fuches algunha vez unha traballadora?

carxeva #3 4/Outubro/2008 carxeva
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Iolandiña, deixa a demagoxia barata, anda.

buarque #4 5/Outubro/2008 buarque
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Desculpa Iolanda, xa hai tempo que o di moita xente. Ti sabes quen é Carlo Taibo, Eduardo Galeano, Noam Chomsky, Jean Ziegler, Javier Corcuera, Joseph Stiglitz, Susan George, Vandana Shiva, Arundhati Roy,Marta Harnecker, Naomi Klein, Amy Goodman? A verdade é que o teu artigo é totalmente prescindíbel e superficial tendo en conta a sabedoría destes homes e mulleres. Por certo, estou totalmente de acordo con Longchamp, ti non te apertas o cinto.

Gaviotero #5 5/Outubro/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo -6 Negativo]

Comentario mal valorado polos lectores. Ver



martin32 #6 6/Outubro/2008 martin32
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Iolanda é un pouquinho demagóxico non?

Lidor #7 6/Outubro/2008 Lidor
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

A pesar de que Gaviotero e outros mostran o seu desagrado, o artigo é oportuno e os seus argumentos hoxe mesmo difíciles de rebater.

lenin #8 6/Outubro/2008 lenin
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Seica IU e o PCE pasaron de anceiar a revolución mundial a "loitas polo emprego estable e con dereitos, o gasto social nos servizos públicos, os investimentos públicos contracíclicos, o investimento en gasto social".
Precisamente se algo tense demostrado é que sen unha cousa non se vai dar a outra. Xa tendo en conta só Europa, poruqe se temos en conta os países do 3º mundo...

bertus #9 7/Outubro/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

Eu non sei onde está a demagoxia da que falades algúns sen dicir en que consiste.

Tarelo #10 9/Outubro/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ai, ai, ai!

Non está ben, Yolanda que perdalo tempo actualizando a sección de opinión en Vieiros, con este artigo barato, mentres hai unhas longas noites de pedra, entre as dúas últimas actualizacións da web http://www.esquerdaunida.org da organización da que eres Coordinadora Xeral, 19 de xuño do 2008 e 6 de setembro do 2008, máis grave tendo en conta que a organización EU-IU e IU están atravesando unha seria e máis que posible definitiva crise interna e de confianza. Non é de responsables. Nestas circuntancias, non deberas perdelo tempo en calquera cousa que non fora resolvela crise interna en EU-IU ou a labor de concelleria do Concello de Ferrol, por respeto á militancia e @s votant@s de EU-IU.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Díaz

Iolanda Díaz

Naceu en Ferrol en 1971. Exerce como avogada na súa cidade natal. Milita no PCG e é coordenadora nacional de Esquerda Unida. Formou parte, como tenente de alcalde, do goberno local ferrolán .





Locais:
GZ-Sete