Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


¿Man invisible ou burato negro do capitalismo?

10:39 30/09/2008

Máis que "man invisible" que autorregula o mercado parece que nos atopamos ante un "burato negro" do capitalismo cun campo gravitatorio no que o diñeiro, sexa ien, euro,(particula) ou dólar (enerxía) non pode escapar a esa forza. Aínda que absorbe diñeiro de forma continua, ás veces faino abruptamente. Non coñecemos como funciona, só podemos coñecer a cantidade polo seu reflexo, é dicir, polo diñeiro que inxectan os Bancos Centrais e os gobernos no sistema financeiro. É o burato negro da democracia.

A pesar dos extraordinarios avances científicos dos últimos cen anos somos incapaces de penetrar nesa característica básica do sistema financeiro que é a "opacidade" e que perverte o propio sentido da "democracia". ¿Non segue sendo un misterio impenetrable que se esfume -entre o que achegan uns e outros e se sae o plan de Bush adiante co permiso de McCain-, un billón de dólares mentres, como comentaba recentemente nun artigo Vidal Beneyto (El País, 20 de setembro de 2008), unha grande parte da poboación dos países en desenvolvemento intenta sobrevivir con un ou dous dólares diarios e necesita catro ou cinco horas para buscar a súa porción cotiá de auga? E no propio Estados Unidos, ¿como é posible -como veñen indicando diversos estudios- que por primeira vez en cen anos o proceso de mobilidade social sexa descendente?

Regulación e transparencia
Moitas voces que se escoitan estes días achácano a unha falta de regulación global do capitalismo financeiro. Ata o propio Bush argumenta -para que aproben o seu Plan de Rescate-, que o mercado non esta funcionando correctamente, que se perdeu a confianza, que os principais sectores están en perigo e poden crebar máis bancos. SarKozy afirma que "le laissez faise, c´est fini," e que hai  que refundar o capitalismo sobre bases éticas, as do esforzo e o traballo (as do capitalismo calvinista que describira Max Weber fronte ao capitalismo suntuoso que logo analizara Veblen) e reivindica a "lexitimidade" dos poderes públicos para intervir na regulación do sistema financeiro.

Seguramente moitos esteamos de acordo na necesidade de establecer regulacións do capital financeiro. Pero, ¿é suficiente?. De todos esas entidades que se afundiron (Lehman Brothers, AIG, etc, Fannie Mae e Freddie Mac, que controlaban 12 billóns de créditos en EE.UU., eran entidades de patrocino público creadas nos anos 30 e 70 para facilitar o acceso á vivenda; moitos outros casos, entre eles, os de entidades que creban días despois de ter unha auditoria favorable, etc, poñen de relevo que de pouco serve a regulación se os gobernos e os organismos internacionais fan renuncia das funcións atribuídas que teñan de control e se non se crean as condicións necesarias para a existencia dun sistema transparente... en definitiva, perdas xigantescas que remataremos de pagar os contribuíntes, miles de individuos ao paro e moitos que viven con agonía a situación por temor á perda do seu emprego e nin un só responsable (de todos os que se enriqueceron a conta diso).

Unha dereita española sen ambigüidades
Se dirixentes como Sarkozy e Bush, para conseguir os seus propósitos, son capaces de modificar o seu discurso neoliberal, facendo un aceno aos seus electorados e á cidadanía en xeral, aquí, temos mellor sorte e así a nosa dereita económica e a nosa dereita política, sen ningún rubor e imperturbables, dinnos sen ambigüidades o que pensan: que a culpa a teñen os/as traballadores/as, por gozar de tan benignas condicións laborais e mellores salarios. Vexamos: O presidente da CEOE, Gerardo Díaz Ferrán, esixe flexibilizar o mercado laboral para saír da crise, o presidente do PP, Mariano Rajoy, gaba a reforma laboral de Aznar en 1997 que abaratou o despedimento, a presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, privatiza a Canle de Isabel I - que obtivo 80 millóns de beneficio-, porque -di o PP de Madrid- a baixa produtividade do sector público lastra a produtividade global da nosa economía. E para redondear o presidente do Banco de España, Fernández Ordóñez, pide moderar os soldos para saír da crise.

Díxoo recentemente Naome Klein nun artigo publicado en The Guardian (tradución en castelán en "rebelión.org"): "A ideoloxía de libre mercado volverá con toda a súa forza... cando se rescate os especuladores dende o ámbito público. Que dará lugar a unha crise presupostaría... xustificarán a necesidade de establecer recortes en programas sociais así como un novo ímpeto para privatizar o que queda do sector público".

Sarkozy propuxo no seu país, como medida contra a crise, acelerar as reformas que ten previstas. Inspírase na "terceira vía" que o laborismo aplicou en Gran Bretaña. O proxecto para Europa desa “terceira vía” está formulado por Anthony Giddens no seu libro "Europa na era global". Aí atoparemos unha nova argumentación das medidas neoliberais que se queren impoñer, baixo a fórmula de ¡novos dereitos!, como o da xornada das 65 horas. Non obstante, para moitos outros, entre eles o financeiro e actualmente filántropo, George Sores, o sistema actual está a tocar ao seu fin.  Se é asi, ¿Servirá a crise como oportunidade para formular un modelo alternativo?. ¿Un modelo máis xusto que asuma o reto ecolóxico e enerxético?

4,56/5 (18 votos)


Comentarios (11)

Carl #1 30/Setembro/2008 Carl
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns polo artigo. É do mellor que leín sobre o tema. O modelo alternativo dubido moito que sexa unha realidade próxima. Teremos máis do mesmo.

saudos

Rafa

mceleiro #2 30/Setembro/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bom artigo.

Crise cíclica ou colapso do capitalismo de estado? Porque para quando comecem as novas privatizações igual não há apenas que privatizar, Pode existir um processo de privatizações-nacionalizações da banca de forma cíclica?

Para bem ou para mal estamos a viver um pondo de inflexão do capitalismo.

Saudações

lourentia #3 30/Setembro/2008 lourentia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Coma sempre, parabéns. É un luxo ler os seus artigos

ANGR #4 30/Setembro/2008 ANGR
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

As crises do capitalismo estão estruturalmente determinadas pola própria dinâmica do sistema. Ou o que é o mesmo, o capitalismo não pode evitar entrar periodicamente em crise. Tod@s @s teorizadores/as do capitalismo -desde os seus apologistas, como Hayek, até os seus opositores, como Marx, passando por mornas críticas como a de Keynes- fizeram sempre finca-pé nas crises que o sistema produz.

A lógica de acumulação constante de capital, definitória do sistema, prevalecerá sempre sob outras lógicas (ecologista, dos direitos humanos, etc.). Portanto, o autor pergunta:

"¿Servirá a crise como oportunidade para formular un modelo alternativo?. ¿Un modelo máis xusto que asuma o reto ecolóxico e enerxético?"

Depende. Quem d@s que ledes isto faredes a revolução? Eu temo que não a farei e suspeito que não viverei avondo como para presençar a morte do sistema. No entanto sei que o que não pode ser, não pode ser, e ademais é impossível.

vonMises #5 30/Setembro/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabén polo artigo, señor Rego.

Celso #6 30/Setembro/2008 Celso
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bom artigo. E bom comentário #4 de ANGR. A "crise" é sistémica. Nem sequer o capitalismo quer "evitá-las". Como dizem Naomi Klein e o articulista, a nova fase baseia-se "the shock doctrine": das ruínas duma crise emergem novas privatizações. Sem a lógica da acumulação de capital ("crescimento") NÃO HÁ capitalismo. O único possível (possibilista) dentro dos quadros jurídicos que sustentam o livre mercado é reduzir ao máximo esta acumulação para preservar as (duvidosas) "conquistas sociais". O capitalismo caminhou nessa direção durante décadas, mas vê-se que não lhe funcionava. E, na minha opinião, infelizmente não há transformação possível sem transformação jurídica: sem constituições e outras legislações gerais que garantam novos quadros de relações laborais.

Xeonllo #7 30/Setembro/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non é nada novo. As crises periódicas son unha característica do sistema capitalista, como ben saben os economistas. Están na esencia do sistema, igual que o paro (oscilando segundo épocas), as enormes desigualdades sociais, as guerras de reparto do pastel (guerras imperialistas), a inflación, etc.

O capitalismo é iso.

bertus #8 1/Outubro/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"Servirá a crise como oportunidade para formular un modelo alternativo?. ¿Un modelo máis xusto que asuma o reto ecolóxico e enerxético?"

A crise debera servir pra iso, pero pra mudar de modelo fai falta, como di ANGR, vontade e organización revolucionaria pra cambialo. Como se apunta, as crises son periódicas, e a historia amosa que elas mesmas camiñan cara a descomposición do sistema, xerando moito sufrimento na maioría que son os máis pobres, pero tamén que non necesariamente se pasa a un modelo alternativo máis xusto. A ampliación da xornada laboral dá conta disto, ou a chegada dos fascismos despois do 29 cunha tasa altísima de paro en Alemaña.
Por certo, seica a Casa Real foi a única institución que non veu diminuido o seu presuposto.

carlosroca #9 1/Outubro/2008 carlosroca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os cartos son como a enerxia, non se destruen, mudan de mans, e adoitan acumularse, nunha caste de enerxia gravitatoria, quen máis ten mais atrae...fisica monetaria gravitacional...

xaviersouto #10 2/Outubro/2008 xaviersouto
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os monopólios que sobrevivam ham de ocupar o espaço que deixem os que falhem. A maior concetraçom de capitais mais fácil vai ser nacionalizar as empresas dum só golpe, chegado o tempo de encetar umha economia planeada e democrática.

ulo #11 2/Outubro/2008 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esta é a "man obscura do mercado" dos capitalistas.
RETIRADA DA DIRETIVA EUROPEA DAS 65 HORAS SEMANAIS

O pasado 9 de xuño os ministros de Traballo da Unión Europea, sen ningún voto en contra, aprobaron unha “proposta de modificación” da actual Diretiva sobre o tempo de traballo.
Esta Diretiva autoriza aos Estados membros a cambiar as súas leis para permitir o alongamento da xornada semanal de traballo até as 60 horas (ou 65 no caso de coletivos como o sanitário ou bombeiros, cuxos descansos nas gardas deixan de considerar tempo de traballo). Como o límite das 60 horas é, ademais, unha media trimestral, a xornada real podería prolongarse até as 78 horas. No caso de contratos de menos de 10 semanas non haberá nin sequera estas “limitacións”.
Isto producese nun momento de crise económica, da que se leva falando dende hai tempo que non se limitaba ás hipotecas sub prime, senon que é máis grave. Esta no fondo das estructuras da economia capitalista, e subpon unha reestructuracion do sistema que vai marcar o futuro aumentando dun xeito exponencial a polarizacion social e politica que vivimos dende o 11 de setembro.
Na actual crise confluen moitos elementos, mais ha un que esta no fondo, a queda da taxa de lucro dos empresarios (Adolfo Domínguez recoñece unha queda do 70%, o estoupido de Martinsa Fadesa, de Spanair, ou mesmo o lixeiro retroceso de Inditex), que ven como os seus investimentos non son rendibles e os orientan ás burbullas especulativas (os bonos basura dos 80, as .com dos 90 e 2000, a hipotecaria ata o ano pasado, e agora o petroleo e os biocombustibles), onde esperan taxas moi superiores ás acadadas na producción “normal” de bens e servizos, da chamada “economia real” (como se a outra, a especulación, non fora “real”).
A UE é, dende os 80, o ultimo lugar do mundo onde, pola forza organizada da clase obreira europea, mantense algunhas das conquistas do periodo dos 60, a xornada laboral das 40 horas (35 no caso frances), as vacacions pagadas, a seguridade social universal, a educacion gratuita, etc. Conquistas da clase traballadora que nos USA dende os 80 non existen, que en Xapon tampouco, e que no resto do mundo son un soño.
Os capitalistas europeos saben que ou rematan con estas conquistas ou non vai poder competir coas demáis potencias imperialistas, e queren facelo agora: derrotar á columna vertebral da clase traballadora europea, aos que ainda manteñen as conquistas de xornada, salarios, vacacions ou seguridade... e devolvermos ao seculo XIX.
O brutal atropelo das 65 horas queren levalo a cabo, ademais, mediante acordos individuais traballador-empresa, á marxe dos convenios colectivos e da representación sindical dos traballadores, o que representa un ataque frontal a unha das maiores conquistas da loita dos traballadores: o seu dereito á representación e a negociación colectiva. Preparan a tumba dos convenios coletivos, xa devaluados desde que a precariedade e a subcontratacion é a norma na maioria das empresas.
Esta Diretiva indigna debe pasar agora polo Parlamento Europeo para a súa aprobación definitiva.
En 1917 a OIT oficializou a xornada máxima de oito horas, despois dunha longa loita do movimento obreiro internacional polas 8 horas. Agora, QUÉRENNOS FACER RETROCEDER MÁS DUN SÉCULO, póndonos de novo en xornadas “legais” de 10 a 12 horas e seis días por semana. E isto nun momento de crise, que esta provocando a perda de postos de traballo, e en vez de reducir a xornada sem reduccion de salário, para traballar todos, queren ampliala, para baixar os salários (traballar máis por menos).
Coa Diretiva do tempo de traballo, xogámonos unha enorme volta atrás e o futuro das novas xeracións de traballadores, e pón á clase traballadora diante da disiuntiva, “ou traballas 65 horas ou deslocalizo a empresa ou contrato traballadores de fora”.
Unha agresión desta envergadura esixe unha resposta xeral, contundente, en toda Europa. Non bastan presións diplomáticas sobre os parlamentarios ou gobernos, nin accións testemuñais, nin respostas illadas.
So unha resposta de conxunto da clase traballadora europea pode freala, polo que parecennos un desproposito que na Galiza non haxa unha convocatória unitária de todas as organizacions sindicais.
Apoiamos a participacion nas mobilizacions convocadas póla CES (Confederacion Europea de Sindicatos) o DIA 7 DE OUTUBRO. Mais póla envergadura da agresion, as mobilizacions simbólicas non basta, é necesario avanzar no camiño dunha FOLGA XERAL EUROPEA DE 24 HORAS, única maneira de lograr a imediata retirada da Diretiva.
Para novembro ou decembro vaise levar o Parlamento Europeo, e temos que exixir aos europarlamentarios o rexeitamento direto da Diretiva, e a Xunta que se exprese con toda claridade contra a Diretiva e chame o seu repudio en toda Europa.

Acude ás concentracions convocadas póla CIG, que na Coruña é o 7 de outubro ás 12 da mañan, diante da Subdelegacion do Goberno.

TRABALLADORES/AS CONTRA AS 65 H E POLA FOLGA XERAL EUROPEA

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete