Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


A volta de Metallica

12:35 15/09/2008

“Non ten sentido agardar polas boas ideas, veñen elas soíñas, como as ganas de mexar” (Lars Ulrich, batería de Metallica)

Sen revisar polo miúdo a blogosfera, aposto a que esta vai ser a primeira crítica do novo disco de Metallica escrita en galego. Sería una boa noticia que me equivocase. Feita esta primeira apreciación inicial, cambio o eixo habitual das miñas impresións en Vieiros para escribir sobre un dos acontecementos musicais do ano: a volta a actualidade dunha das bandas máis importantes do mundo: Metallica. Á hora de escribir estas liñas, “Death Manetic” o novo traballo de estudo dos californianos, xa é número 1 en Inglaterra e varios países latinoamericanos. Quizais facendo boa a cita que abre o artigo, “Death Magnetic” devolve ao Olimpo dos máis grandes a una banda que moitos deron (demos, debería dicir) por morta a nivel compositivo tras varios traballos mediocres ou directamente pésimos.

Porque a verdade é que os Metallica fóronse esvaendo pouco a pouco tras a publicación do arquifamoso “Black Album” en 1991. Os seguintes discos, os “Loads” supuxeron un baixón espectacular na calidade musical do grupo, que foi aminorando ata rematar no atentado auditivo en toda regra que foi “St. Anger”. Alcol, excesos e enfrontamentos persoais conduciron a ese declive que duraba quince anos, que se di de camiño. Só a actividade en directo destes enormes músicos logrou manter acesa a chama de Metallica. Esa etapa quedou perfectamente reflectida no documental “Some kind of monster”, onde unha frase do seu manager explica de xeito definitivo o que supón a fama e a riqueza na vida dunha persoa: “cando tes de todo, que razón hai para erguerse da cama todos os días?”

A saída do baixista Jason Newsted, substituído por Robert Trujillo, meteu novos folgos no seo do grupo, aínda que para entón moitos dos seus fans máis fieis xa decidiran abandonalos. Persoalmente, recuperei a fe neles despois de velos o ano pasado no Festival BBK Live de Bilbao. Aquela noite interpretaron de principio a fin o mítico “Master of puppets” cunha enerxía espectacular. Presentaron unha nova composición titulada “The new song”, e a partir de aí comezaron as especulacións sobre o novo disco.

Finalmente, o venres pasado saíu á rúa “Death Magnetic”, un traballo que según eles é a volta aos oríxenes. Posiblemente sexa así, e a miña primeira reflexión tras varias escoitas é que a estes tipos non se lles olvidou facer boas cancións. É máis, se “Death Magnetic” fose un disco doutro grupo estou seguro de que a prensa especializada diría que é un dos traballos do presente ano. A min écheme igual o que digan os críticos (os que cobran por criticar, quero dicir, que non é o meu caso), porque dende o “Black Album” isto é o mellorciño que fixeron.

É un disco de puro Heavy Metal, que contén moitos elementos das súas gravacións clásicas: as cancións andan polos sete minutos, o que nos devolve aos tempos do “…And justice for all”; Hetfield volve cantar coma os anxos, “All nightmare long” dá a proba diso; Kirk Hammet reatópase consigo mesmo asinando composicións de guitarra moi pegañentas; e ata Lars Ulrich, o único batería que coñezo que toca cada vez peor en lugar de ir mellorando, consegue sacarlle ao seu instrumento un son coma o dos vellos tempos. Emulando ao antes citado “Master of puppets”, inclúe una canción instrumental de nada menos que dez minutos titulada "Suicide & Redemption”, e moito do peso da base rítmica está inspirada na primeira etapa do grupo.

Seguramente, o papel do productor Rick Rubin foi decisivo para sacarlle a Metallica todo o bo que levan dentro, pero eu son dos que opinan que o produtor non pode facer nada se os músicos non son capaces de facer boas cancións. Desta vez, por fin, Metallica conseguíuno. A partir de agora, os fans tradicionais deberiamos volver ao lugar de onde xamais deberamos saír: do colo da banda de Metal máis grande do mundo. Moito desconfiamos das súas posibilidades pero por sorte despexaron as dúbidas. Por sorte para a música, Metallica están aquí, e que sexa por moito tempo. Só falta que veñan o mes vindeiro os AC/DC e que asinen un disco semellante. As nosas cervicais están en perigo!

4,73/5 (15 votos)


Comentarios (19)

El_pastorrr #1 15/Setembro/2008 El_pastorrr
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois douche a razón en todo meu (excepto en descalificar o Load e o Reload, que pra min teñen cousas interesantes), por fin algo coma a xente, porque desde o Garage Inc (disco de versións) non sacaban algo cañeiro e relativamente aceptable. E xa postos que non sexa a última crítica, hai que normalizar a lingua no eido da crítica musical, e do Mundo Jebi Metal

castelom #2 15/Setembro/2008 castelom
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Aí aí... Pois eu concordo com a vissom do autor sobre a história dos albums de estúdio de Metallica. A partir do Black Album... rien de rien.
Encantado de ler esta crítica na nossa língua dum dos melhores grupos da história da música, que tam boa banda sonora pugérom à vida de milhares de galeg@s.

vermevermelho #3 16/Setembro/2008 vermevermelho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu ha já tempo que nao presto atençao a Metallica (nem ao heavy em geral) pero aplaudo que se fale de música em Vieiros e tenho que dizer que o artigo fez picar a curiosidade en mim. Bemvidos outros máis!!

martin32 #4 16/Setembro/2008 martin32
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

pois eu que fun heavy na miña xa alonxada xuventude agradezo a Vieiros estos textos sobre a música en xeral

Dani-Alvarez #5 16/Setembro/2008 Dani-Alvarez
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Saúdos amig@s,

El_pastorrr: sobre Load e Reload, a proba evidente de que non chegaban ao mínimo esixido a unha banda coma Metallica é que non lembro que tocaran moitas pezas deses discos en directo. Asi a todo, é certo que "Fuel" e algunhas máis han ser clásicos co paso do tempo.

Alédome da aprobación do artigo por parte dos máis: dubidaba entre o Constitucional e Metallica. Seica atinei.

UnDeTantos #6 16/Setembro/2008 UnDeTantos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Grandes Metallica,este último disco é a canha. Tamén secadra é porque vimos de loads e reloads,pero a min gustoume moito,recuperan o seu son orixinal,coa experiencia que dan os anos.

#5 tes toda a razón,eu vinos 3 veces,nunha caeu fuel,noutra the memory remains e a última no electric weekend non caeu nada dos tres últimos. Por algo será.

Moi boa crítica Dani.

UnDeTantos #7 16/Setembro/2008 UnDeTantos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Do constitucional mellor non falar,que nos ponhemos mal e ainda non son horas de xantar :D

ANGR #8 16/Setembro/2008 ANGR
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns ao autor pola inovação. Concordo ademais com o seu critério.

Quisera aproveitar a ocasião para dar azos ao pessoal de Vieiros no que atinge ao trabalho que realizam com a secção "Máis Alá"; penso que estaria bem que esta ganhara centralidade no jornal e assim incentivar que se fale mais de cousas coma esta em Vieiros.

Albert #9 16/Setembro/2008 Albert
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

UndeTantos, no Electric Weekend si que tocaron Fuel, a non ser que eu o flipara e ma imaxinara, que tamén pode ser, hehehehe.

El_pastorrr #10 16/Setembro/2008 El_pastorrr
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Penso eu que cancións como Fuel, Until it sleeps, ou mesmo Bleeding me, son do millorciño que teñen feito e poden ser utilizadas perfectamente en directo, de feito se quitamos a borralla de Load e Reload, na miña opinión quedaría un disco ben chusquiño, con Outlaw torn, fixxxer, the house jack built, unforgiven II, e xa postos no leaf clover que en teoría é material do Load-reLoad descartado.

UnDeTantos #11 16/Setembro/2008 UnDeTantos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Certo albert,foi a segunda,flipei eu!

Aldara #12 16/Setembro/2008 Aldara
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu que xa vou un pouco vella, brindo por Metallica e por ti, dani...

Dani-Alvarez #13 17/Setembro/2008 Dani-Alvarez
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Aldara,

onde dis "vella" non quererías dicir "bela"?

Xanzinho #14 18/Setembro/2008 Xanzinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois eu já nem gostei do Black Album. Este último está bem comparado com a morralha que vinham fazendo, mas no panorama geral das cousas é um álbum mais, que queredes que vos diga. Ainda o outro dia estava eu a repassar o Ride the Lightning a todo isto...
Por certo, hai cena METAL na Galiza ou que? Não se fala nunca do tema... E não digo "alternativo", nem "indie", nem "punk", nem "folk-rock", nem... digo METAL. Não sei, pergunto (e agradeço artigos como este! mália não coincida com as opiniões ;) )

Fuck the world. Hail&Kill.

Isso mesmo :P :D

Xanzinho #15 18/Setembro/2008 Xanzinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

(pergunta retórica a de acima claro, antes de que alguém comece a esbardalhar :P )

El_pastorrr #16 19/Setembro/2008 El_pastorrr
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois en Galego temos nao e machina, son modernetes, pero non están mal... e logo en inglés mirage, que son máis hard rock, talesien, istes xa con discos serios ó lombo, que fan unha especie de power ben tocado, e algún máis que maiormente podes topar no gallaecian metal compilation e que eu non tiven a oportunidade de telos visto.

Xanzinho #17 19/Setembro/2008 Xanzinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Já já, conheço as bandas e o disco e todo isso :) Digo pq é q o Metal galego e/ou o Metal na Galiza, em geral, tem tão pouca difusão/publicidade.
Depois, quando alguma banda "grande" da alguma notícia, sempre hai alguém q diz "oh, ainda hai heavies? estes ou aqueles ainda tocam?", etc. Quando, de facto, o Metal é um dos poucos estilos de música q permaneceu aí desde o princípio, e dura e dura e dura. Claro, os q estereotipos mandam, o onde ande Madonna cantando como uma galinha asfixiada... :P
Q saberemos os heavies de "alta cultura e postureo" ;)

Kikeourense #18 20/Setembro/2008 Kikeourense
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Ola thrashers!!!
O disco e como grupo GRANDE!!!.Mercei o pasado fin de semana o "death Magentic", e necito dedos nas mans para contar as veces que estuven escuitando, gustame muito, hai cancions que como e normal gustan mais que outras, pero volvo a tocar a guitarra no aire co son do disco,je,je!! aunque empezei no 1988 a tocar a guitarra de verdade por a sua infuiencia, despios de flipar con Kill'em all!! E una pena que non publiquen, xa que volveron atras co logo, a aqueles singles que editaban con boas versions( que teño en vinilo, como ouro en pano). Estuo de acordo ca critica de Dani, e faime muita ilusion poder contestar en galego, desde Zarautz (Gipuzkoa), animo co blog Metalmania!! Uhn saudo a toda xente que lea o comentario, e decir duas cosas pra rematar: "Metal up your ass ( O metal che da por o cú)" je, je!! e Aupa Galiza!!! Non esquecer a nosa cultura tan rica!!! Uhn saudo Thrasher!!!!

Thrasher #19 23/Setembro/2008 Thrasher
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo em parte com o teu artigo. O último disco de Metallica
estaria dentro de uma linha que parece uma espécie de híbrido entre
a complexidade técnica e a qualidade artística de '...and Justice
For All' e o estilo do 'Black Album'. Gostei muito da
contundência das guitarras e os solos do Hamet no primeiro tema do
álbum, 'That Was Just Your Life', contudo não acho interessante a
melodia das guitarras das outras canções, os rifes são muito
aborrecidos e alguns dos solos medíocres.

Quanto à bateria, este é o ponto débil do disco. O decadente Lars
Ulrich volta dar nojo com um som horrível e carente de inspiração.

Saudações e longa vida ao metal.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".





Locais:
GZ-Sete