Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Os emigrantes dicimos non

11:19 07/07/2008

O 18 de xuño o Europarlamento aprobou unha directiva do Retorno que se calamos a boca marcará o futuro das nosas vidas e acabará cos principios democráticos de convivencia que nos definen e polos cales houbo moito que loitar. O sábado 21 de xuño o meu amigo Manuel Rivas escribe no seu ético espazo semanal sobre o que chama a "amnesia retrógrada" da Unión Europea e o seu inxusto discurso contra da inmigración. O Foro Galego de Inmigración xa se manifestou en contra deste erro e promoverá a partir de setembro unha campaña de concienciación social. O domingo 30 rematou en Tucumán (norte arxentino) a reunión do Mercosur cunha declaración unánime dos países que o forman en contra do desprezo co que se trata aos emigrantes sudamericanos.

Comezo hoxe a miña loita contra deste pensamento que intenta negar e prohibir e pechar portas. Non podemos permitir que os buscan un emprego sexan considerados delicuentes por un pequeno grupo de políticos que reciben votos da ignorancia dalgúns dos seus votantes. Se o 90% dos europeos non comunga coa insensatez non hai que deixar que sexan os medos duns irresponsables os que convirtan ao noso fermoso curruncho atlántico nun campo de concentración.

Hai que comezar axiña porque a mentira espállase un millón de veces máis axiña que a verdade. Iso foi sempre. Diante da mentira non hai pensar un minuto porque vai directamente aos pés e non ao cerebro. A mentira di que os de fóra veñen quitarnos os nosos postos de traballo e claro, se non facemos uso do cerebro, queremos dárlles unhas patadas aos intrusos. A intención da mentira é que os traballadores nativos rebaixen as súas actuais rendas xa que senón virán os de fóra a traballar pola metade do salario.

Hai que dar pasos para enfrontarse e gañar a batalla. Nós, os galegos, pobo emigrante onde os haxa somos os abandeirados da solidariedade porque recibimos agarimo en todos e cada un dos vieiros que percorrimos polo mundo adiante. Non somos desagradecidos e temos boa memoria. En todas as aldeas hai quen lembre o ben que nos acolleron na Habana, Bos Aires, Caracas, Montevideo ou Delémont. Non somos xente que sinta ningunha "amnesia retrógrada" porque aínda temos netos que desexan encher de bicos as enrugas da querida avoa Galicia.

Propoño para ir abrindo a campaña e ofrezo os meus servizos para no verán visitar ducias de centros galegos sudamericanos ---alí é inverno--- para que se manifesten antes de que en Madrid o Congreso dos Deputados empece coa tramitación para a reforma da actual lei de Estranxeiría. Os ventos ávregos que veñen de Europa queren unha lei máis dura e restritiva e pero nós somos máis de vento nordés que sopra cando o necesitamos. Penso que temos a forza moral necesaria, avaliada por séculos de diáspora, para dicir non diante das inxustizas e para promover máis dereitos sociais. O avance está na porta aberta aos que sofren dificultades. Os que entran non son estranxeiros senón membros da nosa propia familia.

Quero propoñer tres suxestións: a) unha carta aberta ou artigo de reflexión do presidente da Xunta de Galicia (xa o fixo o presidente de Andalucía) no que o xefe do executivo galego manifeste a súa oposición ao novo texto comunitario; b) unha declaración institucional do Parlamento de Galicia en contra da directiva do Retorno; c) un escrito de todos os centros galegos do mundo dirixido ao presidente Rodríguez Zapatero no que manifesten que non esquecen que tiveron abertas as portas para unha nova vida cando houbo necesidade dun fogar onde quecer ao abeiro das tempestades.

Estou berrando con todas as miñas forzas para que no meu prezado Montevideo saiban que non esquezo aquela escoliña uruguaia na que fixen as primeiras letras. Alí ninguén me marxinou por baixar dun barco e por non saber quen era Xosé Artigas. Lembro aos meus amigos da infancia Claudio, Gildo e Horacio cando desde a radio o locutor Carlos Solé berraba Goool…de Peñarol! e nós coma movidos por un resorte veña a brincar de alegría. Ningún edicto pretoriano da UE vai facer que esqueza que nas beiras riopratenses houbo un oco para min e que Galicia enteira está aberta para que novos nenos berren un gol, sexa do Celta, Deportivo, Pontevedra ou Racing de Ferrol.

3,59/5 (17 votos)


Comentarios (10)

CGB #1 7/Xullo/2008 CGB
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Boa reflexión, si señor. Xa está ben de tanta trangallada reaccionaria. Nós temos unha relación especial coa Emigración ou coa Diáspora ---se así o preferides--- e non corresponde deixarse mallar polos ventos suxos que veñen dun par de países europeos gobernados por presidentes populistas (estes son ademais perigosos)e de dereita-dereita. O meu apio total para que os emigrantes manifesten o seu rexeitamento a unha normativa inmoral e insolidaria. A Unión Europea foi creada para unir logo da desfeita da Primeira e Segunda Guerra. Os galegos non podemos calar. E tamén digo NON ao peche insolidario das portas.

Barbara #2 7/Xullo/2008 Barbara
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Agora resulta que os traballadores son delicuentes porque non teñen un permiso de traballo. Vaia xustiza e vaia lexislación social que convirte a ausencia dun trámite administrativo en delicto. Que estou de acordo...que si...que hai que protestar e defenderse e non podemos dicir que chove. Espero que algún partido político galego (supoño que haberá un só que o faga)inclúa no seu programa a defensa dun ESPAZO EMIGRANTE para os nosos descendentes residentes no exterior. Hai moitos que queren volver. Hai moitos altamente cualificados que axudarán ao desenvolvemento dun país avellentado. Pero, claro que se ao chegar os internan nos novos campos de concentración (lugares especiais para residencia temporal dos que serán expulsados)entón están rebentando a nosa familia e o noso futuro. Nós temos a metade da familia fóra e non se lles pode tratar coma se fosen apestados porque non se pode dicir que sexan transportados por ningunha mafia. veñen porque queren ser GALEGOS (si...señores Berlusconi e Sarkozy a nosa etnia aínda sinte a chamada da Terra). Eu digo NON aos que queren fender cando hai que amalgamar en harmonía.

AURINEGRO #3 7/Xullo/2008 AURINEGRO
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Onde hai que asinar? Quero sumarme contra da barbarie. Máis dun millón de galegos foron polo mundo adiante. Traballaron e ergueron seus novos fogares lonxe pero sen esquecer que as raíces están alí na beira daquel fermoso carballo. Non hai que ser hipócritas coma o son o italiano e o francés (descendente de polacos por certo)e por iso pido que o nos Parlamento declare quen somos nós no mundo. Atención...que non están falando cuns cheíñas senón cun país que ten emabixadores en centos de países. Poida que xunto con Israel e Armenia (porque Irlanda ten peso só en USA)sexamos o grupo de presión (ler a Jean Meynaud)máis estendido polo mundo adiante. Un grupo de presión silencioso, non articulado, pero certamente moi ben aprezado polas sociedades de acollida. Hai descendentes nosos que sinten que a Unión Europea está a ofender aos seus pais e avós que fóra do seu lar erqueron novos vieiros de esforzo en irmandade. Tamén eu digo NON ben forte (non calemos a boca senón rematamos todos nun obradoiro globalizado no que se traballan 12 horas diarias pola comida).

ecoe #4 7/Xullo/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A mentira sempre ten sentido, busca a eficacia. Quenes as promoven e proclaman son conscentes da sua falsidade e procuran que quenes escoitan non descubran a mentira do seu discurso.

Como di o sarcástico Fede de los Ríos, hai tempo, ó desvelarse o que o mentirán sostén, botaba ó trasto co plan mentido. Mais AGORA ALGÚNS poden dicir todo o que lles pete e mais sonreir ó tempo: tan panchos e satisfeitos.
http://www.gara.net/paperezkoa...

Artiguista #5 7/Xullo/2008 Artiguista
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A parte final do artigo é moi emotiva. Os recordos montevideanos do autor clarifican o presente e reflexionan axeitadamente para que non quedemos durmidos. Temos que frear este actual andazo de "virus dereitoso" que persegue a desapariciópn do Esado do Benestar. O inoculadores do veleno non queren cidadáns senón escravos (mellor canto máis pobres sexan)para as liñas de produción. Trátase de gañar, de acumular máis e máis e para iso hai que rematar coas conquistas sociais. O que máis me preocupa é razón que move a uns millóns de europeos egoístas para votar a dous charlatáns (a cal peor...meu Deus). Tamén digo NON unha e mil veces e pido que Galicia se manifeste (nós temos que facer o noso voto particular porque non quero ir no mesmo saco dos insolidarios). Non quero ningunha directiva racista. Quero que Galicia teña a súa conciencia limpa e para iso hai que loitar contra dos intereses anti-éticos duns poucos.

NOVOGARDEL #6 7/Xullo/2008 NOVOGARDEL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Quero pedir protestas (por carta ou correo electrónico)e adhesións ao NON dos centros galegos que son os máis afectados pola represiva nova normativa. Máis que de freo hai que falar de desprezo aos que necesitan un lugar en chan europeo. Antes nós atopamos un lugar en América e agora temos que ser firmes defensores da PORTA ABERTA para os nosos netos americanos. Hai que ser ben pasmón para non decatarse que quen gaña sempre somos nós (volven técnicos para Galicia nos que non investimos un euro). Quen se empobrece é Arxentina,Brasil, Cuba,Uruguai e Venezuela pero nós gañamos por partida dobre: reunimos á familia e aumentamos con mocidade a nosa envellecida poboación. Espero que no Parlamento de galicia se parobe unha declaración en contra desta asoballante doctrina neo-conservadora que establece quen entra e quen non. Ah,os galegos exportadores de emigrantes agora non podemos reincorporar aos que saíron (menuda tropa anda por aí ceibe).

NOVOGARDEL #7 7/Xullo/2008 NOVOGARDEL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Quero pedir protestas (por carta ou correo electrónico)e adhesións ao NON dos centros galegos que son os máis afectados pola represiva nova normativa. Máis que de freo hai que falar de desprezo aos que necesitan un lugar en chan europeo. Antes nós atopamos un lugar en América e agora temos que ser firmes defensores da PORTA ABERTA para os nosos netos americanos. Hai que ser ben pasmón para non decatarse que quen gaña sempre somos nós (volven técnicos para Galicia nos que non investimos un euro). Quen se empobrece é Arxentina,Brasil, Cuba,Uruguai e Venezuela pero nós gañamos por partida dobre: reunimos á familia e aumentamos con mocidade a nosa envellecida poboación. Espero que no Parlamento de galicia se parobe unha declaración en contra desta asoballante doctrina neo-conservadora que establece quen entra e quen non. Ah,os galegos exportadores de emigrantes agora non podemos reincorporar aos que saíron (menuda tropa anda por aí ceibe).

-Xavier #8 8/Xullo/2008 -Xavier
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

É tão simples quanto que neste modelo económico, social e legal que se está a impor na União Europeia há liberdade para o capital e não para as pessoas.

Interessantes reflexões de Manuel Suárez. No Estado espanhol nessa altura em que se aprovou a Diretiva da Vergonha (oficialmente "Diretiva do Retorno") olhava-se para outro lado: o EURO 2008. Lamentavelmente, ha gente no mundo que não tem a fortuna de conhecer a crise que estamos a atravessar na Europa, simplesmente porque essas pessoas não têm crise, têm fome, têm uma total ausência de condições de higiene e de segurança na saúde, e ausência de um sistema de ensino, de garantias legais contra a escravidão laboral, etc. A verdadeira crise da Europa não é a que afeta o capital da Europa, mas a que atravessa de lado a lado os corações dos e das poderosos, afetando em muitos casos grande percentagens de população que vivem mergulhadas -graças à propaganda dos Estados- no "circo" e na dominação mediatica do mercado.

Saúde e reflexão.

Fontes #9 9/Xullo/2008 Fontes
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Obrigado por ponher o meu pobo de Delémont na misma categoria que Bos Aires, Montevideo e Caracas.

CGB #10 14/Xullo/2008 CGB
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Antes do 15 de outubro en Bruxelas hai que mobilizarse e protestar. Nese día está previsto que se aprobe o Pacto Europeo de Inmigración e Asilo, un eufemismo porque sería unha normativa policial e non social. A Unión Europea está fuxindo do problema intentando o peche das fronteiras. Nós, coma galegos non somos uns máis senón unha voz autorizada para defender os dereitos daqueles que desexan ou necesitan un lugar no que vivir. Temos unha responsabilidade. Non esquecemos que un millón e medio de cidadáns saíron polo mundo adiante.Pido máis opinión en contra de políticas interesadas que levan ao fracaso.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).





Locais:
GZ-Sete