En termos xerais e inmediatos, cabe interpretar o resultado do referendo da reforma constitucional como unha “derrota política” para o presidente Hugo Chávez. Unha derrota política que, a medio e longo prazo, pode dar cabida a unha necesaria reestruturación dentro do panorama político venezolano.
Cun 50,7% en contra, a “pírrica” vitoria do “non” á reforma constitucional, tal e como subliñou o propio Chávez tras recoñecer os resultados, implica tamén un exercicio de medición sobre ata qué punto se atopa fracturada Venezuela e sobre os mecanismos necesarios para atopar espazos de entendemento ou, no caso máis preocupante, de radicalización da polarización.
Porque, precisamente, esta vitoria política da oposición, o posterior recoñecemento oficial da súa derrota por parte de Chávez e a súa “felicitación” aos vencedores, deberían propiciar a apertura de necesarios camiños de conciliación social e política e recoñecemento mutuo para Chávez e a súa oposición. Se ben o resultado supón un duro contratempo para o proxecto socialista defendido por Chávez, aínda está por ver de qué maneira tanto o presidente como a oposición medirán este resultado e as súas futuras estratexias políticas.
Paralelamente, resta por saber como calibrará o propio Chávez esta derrota de cara a re-impulsar a medio prazo unha nova convocatoria que lle permita volver a mobilizar aos seus simpatizantes na reactivación da “reforma constitucional”. Chávez posúe unha particular astucia política para, co paso do tempo, converter as súas “derrotas” en posteriores “vitorias”.
Os factores do “non”
En termos electorais e sociolóxicos, o voto a favor do “non” uniu por vez primeira a diversos sectores opositores e simpatizantes de Chávez, alterando simbolicamente a conformación sociopolítica dos derradeiros anos en Venezuela.
Hai apenas un mes, as enquisas favorecían unha vitoria do “si” para Chávez, o cal aumenta, dentro da actual conxuntura, esa sensación de derrota política para o “chavismo”. Se a isto engadimos que nas dúas derradeiras eleccións directas, o referendo revogatorio de 2004 e as eleccións presidenciais de 2006, Chávez obtivo un 59% e un 63% respectivamente do voto popular, o resultado en contra acaecido o 2-D suxire certos dilemas internos no “chavismo”.
O problema para Chávez quizais se explique na emerxencia dunha determinada erosión do seu tecido político e electoral e na súa base social precisamente nunha conxuntura na que tanto a súa posición política como o seu modelo de proxecto nacional semellaban consolidados, encamiñados nunha senda vitoriosa.
O 2007 inauguraba para Chávez un novo período presidencial de seis anos ata o 2013. Con altos niveis de popularidade, unha plataforma política e social aparentemente consolidada, elevados prezos petroleiros que facilitaban o gasto público cara as misións sociais, un sólido crecemento económico e unha oposición política en declive, Chávez tiña todas as cartas favorables para impulsar o seu modelo socialista.
A marcha do “socialismo do século XXI” era concibida publicamente por Chávez como un proceso a cobrar forma “para o período 2007-2021”. Dous eixes se manifestaban como claves deste proceso: a conformación do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) e a reforma constitucional.
Non obstante, en vez de converxer cara puntos de coincidencia, ambos eixes provocaron inicialmente fisuras no seno do “chavismo”. Esta división incluso manifestouse entre diversos sectores dentro dos partidos aliados de Chávez como PODEMOS, Patria Para Todos (PPT) e o Partido Comunista, cunhas dirixencias principais e algúns sectores de base que racharon coa conformación do PSUV e coas pretensións de reforma constitucional. A crise trala non renovación da concesión á canle RCTV tamén presentou síntomas de erosión social para Chávez, incluso en sectores populares afectos ao “chavismo”.
Esta sensación de ruptura acrecentouse no segundo semestre de 2007: o PUSV avanzaba con lentitude e polémica mentres, a comezos de novembro, o anuncio público de rexeite á reforma por parte de históricos aliados de Chávez como o ex ministro de Defensa, xeneral Raúl Isaías Baduel, e do comandante Joel Acosta Chirinos, presentaba claros signos de desgaste político para Chávez.
Así, o aumento da presión nas rúas por parte da oposición, especialmente do seu activo movemento estudantil e universitario, así como o elevado e esaxerado ton de confrontación retórica por parte de Chávez nas derradeiras semanas, incluíndo os ataques verbais contra España e Colombia, dous países estratéxicos nas relacións exteriores venezolanas, moldearon unha matriz de opinión interna e externa cada vez mais desfavorable sobre a reforma constitucional.
Esta conxuntura influíu sensiblemente na actitude e percepción de Chávez de cara ao referendo constitucional, a tal punto que calculou o referendo como unha especie de “plebiscito” sobre o seu mandato e persoa, publicamente manifestado na súa mensaxe de peche de campaña de que “votar en contra da reforma significa votar contra min”.
Outro factor que pode analizarse como influínte no posterior triunfo do “non” estaría limitado ao nivel de abstención, que acadou o 44% do electorado. Tras recoñecer a súa derrota, Chávez asegurou que tres millóns de votantes “chavistas” se abstiveron de acudir ás urnas, factor que tamén puido influír na derrota do “si”.
Curiosamente, o factor da abstención era motivo de controversia dentro da oposición: uns reclamaban non votar por considerar que o sistema electoral estaba “viciado” e era “pouco transparente”. Outros sectores opositores reclamaban a participación electoral, confiados en que así se sumarían votos que permitiran o triunfo do “non” o pasado 2-D.
O impacto no mapa político
Así, a “pírrica” derrota de Chávez nas urnas supón un aliciente para a oposición, que baralla a posibilidade de volver a reagruparse politicamente e conformar unha plataforma e liderado mais unitario, nunha perspectiva que favoreza alcanzar o poder por métodos electorais e democráticos.
Neste sentido, cobra especial importancia dende a perspectiva xeracional o movemento estudantil e universitario, auténtico motor das derradeiras manifestacións contra a reforma constitucional. En Venezuela existe unha poboación de millón e medio de estudantes universitarios, actualmente organizados en diversas plataformas políticas.
As mobilizacións estudantís do segundo semestre do 2007, especialmente tralo peche de RCTV, permitiron aos venezolanos coñecer a un líder político en potencia para os próximos anos, Jon Goicoechea, probablemente a figura individual gañadora deste referendo constitucional polo seu liderado en rexeitar a reforma.
Tras case nove anos no poder, Chávez comeza a observar ao movemento estudantil e universitario como unha posible avanzada política opositora, un sector aínda non controlado polo “chavismo”. Líderes universtarios como Goicoechea, Freddy Guevara e Stalin González lograron imprimir unha mensaxe electoral máis poderosa para persuadir a diversas capas do electorado sobre a urxencia de votar para “preservar as liberdades e a democracia” e así “salvar ao país da ditadura”.
Esta simbolización permitiu mobilizar á oposición e a algúns sectores desencantados do “chavismo” de cara a interpretar o referendo como “unha última oportunidade” para Venezuela. Aquí existe unha notable variación sociolóxica e electoral entre “chavistas” e “antichavistas” que non só pode propiciar a conformación dun multiforme bloque alternativo a Chávez, agora impulsado por algúns dos seus ex aliados políticos como Ismael García ou o propio Baduel, senón iniciar mecanismos de diálogo e recoñecemento entre o goberno e a oposición, elementos tan necesarios na Venezuela actual.
Non obstante, e a pesar da súa derrota, Chávez posúe diversas cartas a favor. A Lei Habilitante outorgada pola Asemblea Nacional ata mediados de 2008 concédelle poderes especiais para gobernar mediante decretos-lei. Dentro da Asemblea posúe unha indubidable maioría que podería propiciar a reactivación da reforma constitucional por outros canais.
A derrota do 2-D permitirá a Chávez reestruturar o seu movemento, avaliar os erros e mobilizar ao seu electorado cara outras prioridades. Velaí a razón pola cal asegurara que a reforma “segue viva” e que esta era outra derrota “polo de agora”. Unha reestruturación de criterios e métodos que igualmente influirán dentro da plataforma opositora, que agora calcula con certeza electoral que Chávez non é invencible.
Unha análise moi lúcida, anque eu me tope en discrepancia con algún dos seus aspectos...
Notoriamente, boto en falla a inclusión dos Americanos como factor desestabilizador e financiador da cínica oposición Chavista, que por suposto, emprega as estratexias que mellor lle van. Nun caso concreto en que sospeitaba que podía gañar as eleccións, actúa en bloco, non pide a abstención e tenta aproveitar a abstención e o descolgamento de chavistas. Se non pode gañar eleccións, recurrirá de novo ao golpismo, ao asasinato, á bronca perpetua.
É posíbel que sobretodo, a etiqueta do socialismo puidese asustar aos máis conservadores chavistas, alén do espectro dun poder executivo perpetuamente reforzado.
No que máis discrepo con vostede, nembargantes, é no subtexto que solicita: a saber, un escenario de 'reconciliación nacional'. Iso pode quedar moi ben para democracias liberais tranquilas e occidentais, pero Venezuela está sumerxida nun proceso revolucionario e de loita de clases que deixa pouco lugar para a concordia. O antichavismo empregará tódalas armas para defender as furias do interese privado (con Carmona tivemos un mero aperitivo do que virá se triunfan). Se hai un obxetivo, debe ser o de destruír totalmente tódalas pontes e posíbeis voltas atrás, obrigar á oposición a aceptar como irreversíbeis as conquistas da Revolución antes de que poidan ter sequera unha posibilidade de retornar ao poder. E iso só se conseguirá consolindando o poder chavista. Eis a prioridade.
Concordo no asunto do intervencionismo usamericano, nomeadamente no financiamento dos grupos estudiantís protestantes, ademáis do total apoio á oposición (USAID). Non cabe a menor dúbida.
O feito de que o partido chavista PSUV teña UN MILLÓN máis de filiados que NON VOTARON, tamén dá moito que pensar na orde interna.(Descontados quenes se apuntaron para desestabilizar desde o interior bolivariano).
O feito de que o NON non progresara na afección dos seus adeptos indica claramente que a maioría da población sabe perfectamente ben o que desbota por ruín (de ahí a falta de votos que aumenten os escuálidos).
Logo só queda analisar o lado bolivariano, aquel 60% de apoio e o que o chavismo fixo de ese haber.
Ahí caben diversos factores, desde os erros dos últimos tempos na presentación das necesidades e obxectivos do referendo (superconfuso conglomerado en duas tandas de moitos ítems) ata o propio personalismo e xeito "sui xéneris" de abordar as cousas que adopta o sr. Chavez.
Mais nese campo ó millor, outros asuntos poden ter peso determinante para a populación, como p.e. as diferencias respecto do pasado adeco e anteriores (relacións cos administrados), estado de corrección da corrupción instalada desde sempre no país, etc., etc.
E outro aspecto interno máis: o goberno efectivo de estes anos, que máis alá de atinxir os datos macroeconómicos favorables ás capas máis desposuídas, ten que amosarse efectivo no alcance de obxectivos, limpo nas maneiras, etc. Ó millor o bolivarianismo non aceptou a práctica de un goberno que poidera defraudar as espectativas de cambio (algo que debe ser tanxible cada día tódolos días).
Para min son factores máis ben endóxenos no bolivarianismo en xeneral e a sua relación co goberno Chavez, onde se atopan as explicacións básicas pertinentes indicativas do sentir maioritario e da mensaxe popular emitida.
Outra cousa é si serán capaces de velo, rectificar ou si o tempo perdido foi nefasto.
Por certo: mais ben non foi un NON A CHAVEZ, como se titula
Acabo de atopar un outro moi bo e explicativo artigo de análise sobre o tema, elaborado desde ben cerca polo profesor de economía Montero Soler e o periodista Pascual Serrano:
http://www.rebelion.org/notici...
Bo, por fin en Vieiros escribe alguén que polo menos ten pergamiños para poder falar de Venezuela xa que é un egresado da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade Central de Venezuela. Aínda que non especifica se simplemente a súa estancia no país limitase á súa formación académica. Segundo o medio, é un especialista no “medio oriente”. E podo dicir que a análise ten unha presentación adecuada aínda que non comparta todos os puntos.
Sería bo que aclarase o Sr. Roberto Mansilla, se o ocorrido a RCTV foi un peche ilegal ou un fin de concesión. Como repiten tal pericos moitos “intelectuais”, “xornalistas” e outras persoas, seguindo a matriz de opinión que trato de impor o goberno venezolano e que o pobo rexeito. Se non vexan o nivel de audiencia de TVES e a extinta RCTV.
Vostede ten que coñecer a lei de telecomunicacións de Venezuela e recoñecer que o mecanismo de renovación dunha concesión non é discrecional. Senón que ten que responder a un articulado moi ben definido no cal só son motivo de “non renovación de concesión” SENTENZAS FIRMES, contra o medio, as cales non existen e vostede sábeo. Como sabe tamén que imputar non é igual a condenar.
Se vostede estudo nunha das máis prestixiosas e antigas universidades de Latinoamérica. De onde saíron case todos os dirixentes de esquerda de Venezuela. E onde o Chavismo foi ESMAGADO e non gaña unha triste elección. A menos que salga algún atontado fanático que sen coñecer Venezuela sinalando que o chavismo a gañado en tantas ou cantas universidades (Universidades recentemente creadas de utilería, sen practicamente egresados e sen autonomía de elección das súas autoridades).
Eu estou totalmente de acordo que non se trata dunha vitoria esmagadora. O que me sorprende é que vostede descoñeza o ventaxismo obsceno do goberno, o cal controla ao CNE e ao Tribunal Supremo de Xustiza e que os recursos da industria petroleira son utilízaos para perpetuarse no poder comprando conciencias e votos. É triste que en 9 anos (si señor, 9 anos) este presidente fixo menos casas que as que facia un presidente da 4ta república en 5 (si señor, 5 anos) e con prezos do petróleo próximos aos 100 dólares. Temos os índices inflacionarios máis altos de Latinoamérica e un dos índices de delincuencia maiores do mundo.
Con respecto ao intervencionismo de USA que algúns compañeiros sinalan. descubriron a auga morna. E usan sempre este comodín cada vez que a realidade non se adapta a súa forma de pensar. Están como os nenos que foron aprazados reiteradamente na escola e viven sinalando que os mestres téñenlle mala vontade. O patético é que a nai sempre llo cre.
Eu non se, pero que eu saiba en Cuba e en España hai bases militares norteamericanas. Bo, cando vostedes se sacudan esa bota que lles esmaga o pescozo. Opinen de Venezuela e do poder de manipulación que ten USA sobre este país. Xa que esta terra nunca foi plataforma para que ningunha potencia estranxeira ataque outro país. É máis, non foi ata o goberno de Chávez que se permitiu que militares e asesores cubanos metan as súas mans nos problemas do país.
O certo é que o pobo Venezolano decidiu que non quería unha reforma inconstitucional, loitando contra o ventaxismo inmoral do goberno Venezolano e todos os poderes axeonllados ao redor dun militar golpista. Un país que di ter o sistema electoral máis moderno do mundo, onde se pasan horas para poder votar e que tarda e que tarda máis de 8 horas para dar un boletín nunha elección onde supostamente existiu unha gran abstención.
Agora se vostedes son tan avezados analistas. Como explican que o PSUV (Partido Socialista Único de Venezuela) con máis de 5.322.000 de (aspirantes) para xuño de 2.007 e máis de 6 millóns para novembro de 2.007. Só sacase 4.379.392 votos polo SI. Como perdeu o comandante o seu referendo? Sería a primeira vez que un partido saque menos votos que o número de membros que o conforman.
Roberto Mansilla Blanco é licenciado en Ciencia Política pola Universidade Central de Venezuela e analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).