Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Un niño de ratos roxos e nacionalistas

10:14 20/01/2010

Segundo a es.wikipedia, Vieiros é un diario de Internet que pertence ó chamado xornalismo de apoloxía e cuxa liña informativa apoia ideoloxicamente á esquerda nacionalista galega.

Tamén segundo ela, o xornalismo de apoloxía é aquel que adopta de xeito explícito e intencionado un punto de vista non obxectivo, habitualmente con algunha intención social ou política. ¡Manda truco na Habana! Eu xa tiña a mosca trala orella, pero ¿como chegaron os wikipedas a tal conclusión? Porque Vieiros non ten columna editorial nin subtítulo que “de xeito explícito” deixe constancia da súa liña ideolóxica, cousa que si acontece en xornais coma EL PAIS, EL MUNDO, LA RAZÓN, ABC ou XORNAL DE GALICIA. Destes últimos, a es.wikipedia di que defenden tal ou cal liña ideolóxica, e incluso que apoian a tal ou cal partido político; e aínda así, non os agasallan co cualificativo de apoloxetas de nada, nin fan referencia ó seu carácter non obxectivo.

Comprobado logo que os xornais mais importantes teñen ideoloxía e así o declaran de xeito explícito e intencionado, a pregunta que me veu ó maxín foi : ¿Puidera ser que o xornalismo sen columna editorial fose carente de apoloxía e, xa que logo, tivese carácter obxectivo? Pensei en La Voz de Galicia, no Faro de Vigo, en El Progreso. Son os que coñezo, pero supoño que non serán unha excepción no mundo da prensa de provincias. Pois ben, o feito de que non declaren expresamente a súa visión da realidade non obvia que si o fagan de xeito implícito, unhas veces con animus delicti e outras se eles mesmo sabelo. Porque de cotío hai que elixir o que é noticiable e o que non; e unha vez seleccionado o noticiable, elixir a páxina na que vai ir publicado; e  decidida a localización, hai aínda que elixir a forma de redacción do acontecido. ¡Moita selección de noso señor! E que se saiba, o devandito proceso de escolla é desempeñado por seres humanos e non por deuses inefables e omnímodos.  

Como no mundo real non dei con ningún xornal obxectivo, a seguinte pregunta que me fixen foi : ¿é posible a súa existencia? A resposta é non. Alomenos namentres o xornalismo sexa empresa humana e a terra de voltas arredor do sol. Porque o ser humano leva a subxectividade impresa na alma, e escusados son os intentos de chapodala, a Deus grazas.

Visto o visto, o wikipeda autor do artigo sobre Vieiros, cometeu dous erros : un de redundancia, xa que dicir que Vieiros é xornalismo de apoloxía, ven sendo coma afirmar que o ser é o que é, ou que Feijó pertence ó tipo de homes con nariz e ollos; e un segundo de mala fe, xa que no universo da es.wikipedia nin Egin, nin Avui, nin Libertad Digital, mereceron a honra de levar enriba o alcume “advocay journalism”. Nin da Folla Parroquial de Cadrón se dixo nunca tal barbaridade.

4,84/5 (55 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións