Uns 350 voluntarios participaron esta fin de semana na I Xornada de Limpeza de Ríos, celebrada de forma simultánea nunha vintena de concellos.
Voluntarios retirando un colchón dun río
Adega e o Proxecto Ríos organizaron o pasado sábado a I Xornada de Limpeza de Ríos, celebrada de forma simultánea en 22 concellos. Participaron máis de 350 voluntarios, que se repartiron por varias concas fluviais organizados en grupos. Aínda non se fixeron públicos os datos exactos, pero desde a organización ecoloxista calcúlase que a cantidade de lixo recollida superou as 100 toneladas. Nalgúns ríos atopáronse obxectos como un computador, un frigorífico ou incluso colchóns vellos.
Adega valorou de forma positiva a acollida que tivo o proxecto, pero consideran que "este tipo de iniciativas deben ser continuadas no tempo e contar con máis recursos e persoal". Aínda así, defenden que "a participación masiva de voluntarios fai pensar que cada vez son máis as persoas comprometidas coa defensa dos nosos ríos". O aspecto que máis destacan desde a organización é que a limpeza se fixo de forma organizada, seguindo uns protocolos baseados no respecto ao ambiente.