Os tres grupos parlamentarios acordaron liñas básicas sobre retorno da emigración e conservación e posta en valor do patrimonio da diáspora.
Centro Galego de Bos Aires
A comisión parlamentaria encargada do estudo da emigración galega subliñou este luns a necesidade de reformar o procedemento de voto no exterior. Os deputados lembraron a ponencia conxunta pactada polos tres grupos e remitiron a análise desta comisión no que respecta ao ámbito electoral ao que dese proceso saia.
O debate volverá esta semana ao primeiro plano, e mentres, os representantes dos grupos políticos limitáronse a asinar a necesidade da depuración do censo de residentes ausentes, a regulamentación dun sistema que evite a fraude garantindo "os principios de personalidade e segredo a través dun sistema que esixa a previa identificación do elector" estabelecendo que o exercicio do seu dereito de participación "sexa de xeito fidedigno, ben mediante o voto en urna, ben por correo certificado".
PPdeG, PSdeG e BNG coinciden así en que o aprazamento dalgún dos debates pendentes e prioridades anteriormente recoñecidas, como é o caso do posíbel estabelecemento de representación parlamentaria propia da diáspora, quedan fóra do plan a curto prazo, pola "urxencia de proceder a reforma do sistema de voto". No documento consensuado sinalan que "se ben non é o desexábel si permite acadar a mínima racionalidade democrática, tratando de impedir que os vindeiros procesos electorais podan verse salpicados cos mesmos escándalos e dúbidas que padeceron os anteriores".
A necesidade de mirar pola "pegada identitaria" e o traballo dos emigrantes
Deste xeito, os deputados centraron o debate do luns na "importancia de recoñecer, preservar e poñer en valor" o patrimonio material e inmaterial dos galegos da diáspora. Nesa liña, os voceiros dos tres grupos insistiron en que a historia de Galiza "non se entendería sen a emigración" e apoiaron un documento que insta a Xunta a "buscar o retorno a Galiza daqueles bens especialmente representativos do patrimonio cultural que se atopen fóra". Ao fío, mesmo propuxeron que a futura reforma estatutaria inclúa unha mención expresa "á importancia do patrimonio galego no exterior".
Tamén se pide a busca de documentación de interese para Galiza relacionada coa emigración, proceder á súa catalogación e ao inventariado de bens, e recomendan que a Cidade da Cultura reserve un espazo para albergar este tipo de material. Nese sentido, o voceiro do BNG, Iago Tabarés, propuxo que se modifiquen os estatutos dos centros galegos e entidades da diáspora para que "no caso da súa disolución o seu patrimonio poida reverter na Xunta ou noutras institucións análogas".
No que respecta ao retorno desde a emigración, socialistas e nacionalistas coincidiron en destacar a necesidade de que o Goberno faga esforzo en trasladarlle aos emigrantes "a realidade do que se van atopar". Entre as propostas recollidas no ditame da comisión está a de "afondar na introdución de delegacións de oficinas da Xunta no exterior" e a homologación de títulos non universitarios, favorecendo así a entrada no mercado laboral.
Parabéns, xa iba sendo hora, pero o temas máis importantes para a emigración non son os que decida o parlamento galego, donde penso que soio hai un emigrante, e para eso na lista do PP, os temas máis importantes da emigración son os que os emigrantes levan decindo dende moitos anos:
-Asistencia social e sanitaria.
-Pensións.
Nin que decir ten que o tema electoral e importante non soio por si, senon polas implicacións que ten, xa que mentras os votos da emigración "pesen", habera unha política para a emigración, mellor ou peor, pero os tartidos tentaran venderlles a sua moto. Pero si non hai voto na emigración, nin puñetero caso, por ese motivo a emigración vai defender o voto como sexa preciso.
E en canto ao voto na Terra, tamén habera que ver como se reforma para acabar cos fraudes sabidos, ou é que non queremos saber?
Moi positivo. Parece que o criterio e a responsabilidade está facendo esquecer vellos vicios que escurecían o voto da emigración. O tema é de consenso e non de enfrontamentos. Todos estamos de acordo en que hai que votar en urna, hai que establecer unha política de retorno e tamén que a Cidade da Cultura (coma ben se defendeu desde Vieiros)teña o seu "ESPAZO EMIGRANTE". Galicia ten que ter voz propia porque os milleiros de emigrantes que saíron polo mundo adiante son sangue do país. Non debemos permitir que agora veñan con políticas falsas e negativas sobre os que queren ingresar en Europa. A nosa Galicia é terra solidaria en retribución ás terras que se abriron para nós durante máis de 500 anos.
Imos no bo camiño. Os nosos representantes están traballando ben e con unidade de futuro. Os votos de fóra son só unha parte dun proxecto de país. Que se vote se se quere votar pero que saiban os emigrantes que GALICIA é moito máis que unha consulta electoral. Galicia é a terra nai de todos teñan onde teñan o seu fogar. Hai que opoñerse con firmeza aos ventos reaccionarios que desde Francia e Italia queren retrasar e mentir sobre unha realidade. Nós non temos problema ningún coa nosa familia na diáspora entón que non veñan dicirnos (un par de presidentes interesados)que os nosos netos son delicuentes porque queren coñecer o residir da terra dos avós. Hai que protestar senón estamos perdidos. Eles queren man de obra barata-baratísima e nós só pechar o círculo familiar. Nós, dicimos basta ao afastamento da póla emigrante da NAZÓN DE BREOGÁN.
Lin o artigo de Suárez Suárez onde pedía un Espazo Emigrante no monte Gaiás pero daquela non pensei que ninguén lle fixese o máis mínimo caso porque estaban aínda coas movidas dos votos trapicheados. A idea é boa e debería ser xa proposta pola Consellería de Cultura hai un par de anos cando comezou o ensarillado da Cidade da Cultura. Hai que felicitar aos deputados porque ademais das boas propostas hai consenso para deixar fóra do ring aos asuntos relacionados coa diáspora.