A Ley de Patrimonio Cultural de los Pueblos Indígenas é un instrumento de alta sensibilidade e valor fundamental para a soberanía cultural, que permitirá dar seguridade xurídica, preservar e difundir os coñecementos e valores espirituais dos pobos orixinarios que deron forma á identidade venezuelana. Así o expresaron os deputados Guadalupe González e Juvencio Gómez, presidenta da Comisión de Educación, e presidente da Comisión de Ambiente do Consello Lexislativo do estado Bolívar.
Segundo unha nota de prensa do Parlamento rexional do estado Bolívar, eles participaron xunto aos deputados José Poyo e Modesto Ruiz da Asemblea Nacional (AN), no foro-obradoiro de análise deste instrumento xurídico, o cal foi aprobado nunha primeira discusión no parlamento nacional venezuelano e entrou en fase de revisión nos estados (división territorial administrativa venezuelana equivalente a unha comunidade autónoma) , no marco do parlamentarismo social de rúa.
O deputado Poyo resaltou que a lei vai colocar un couto aos atropelos e saqueos dos que foron vítimas durante séculos os pobos orixinarios de Venezuela, informou a Agencia Bolivariana de Noticias (ABN).
Ademais, agregou que este instrumento xurídico contribuirá a preservar os coñecementos ancestrais e a cultura material e inmaterial dos pobos e comunidades indíxenas.
Pola súa banda, a deputada Guadalupe González destacou como os pobos indíxenas foron reivindicados, pois desde o ano 1911, ningunha Constituón recoñecera os dereitos nin preservado as garantías dos pobos orixinarios. "Este documento é agora un acto de xustiza", sinalou a deputada.
O deputado José Poyo resaltou os logros dos pobos indíxenas durante o Goberno revolucionario bolivariano, respecto diso dixo: "Nunca foran tan respectados nin valorados como agora. En nove anos de revolución promulgáronse cinco leis a favor dos pobos indíxenas e agora está a piques de cristalizarse outro soño coa Lei de Patrimonio Cultural que preservará ademais a espiritualidade dos pobos autóctonos".