A web inclúe unha completa axenda da actividade creativa e de lecer na cidade, novas e reportaxes.
O espazo creado polo Concello de Pontevedra segue o vieiro aberto por Compostela Cultura, a web do Consello de Santiago que leva anos informando da actualidade cultural na cidade compostelá. Pontevedra Cultura nace co mesmo fin, para informar da viva actividade que se desenvolve no concello dende hai anos.
A Concellaría de Cultura iniciou no mes de decembro os traballos para poñer en marcha un xestor de contidos que fose capaz de almacenar e publicar en liña todos os recursos culturais do Concello. O resultado foi un potente programa baseado en software libre que permite administrar eventos, espazos, axentes culturais e noticias asociados a sete categorías temáticas: música, artes escénicas, cinema, arte, letras, cursos e charlas, varios e unha parte especial para as nenas e nenos.
Ademais, o xestor tamén ofrece a posibilidade de publicar galerías fotográficas e vídeos, xa sexa creados polos administradores ou enviados polos internautas previamente rexistrados. De feito, a participación social é un dos principais cometidos de pontevedracultura.org, dado que calquera persoa pode propoñer eventos de axenda e outros contidos para que se publiquen. O proxecto conta cun orzamento de 62.000 euros distribuídos nas anualidades de 2007 e 2008. A Consellaría de Industria subvencionou case o 59 por cento desta contía.