Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sector lácteo

Queixas gandeiras: inestabilidade nos prezos e burocracia nas subvencións

O incremento dos custes de produción e o descenso do prezo do leite fan que moitos produtores atopen serios problemas para continuar cos seus negocios.

Lucía Iglesias - 09:00 17/04/2008

Ante os requisitos da Unión Europea para a produción leiteira, foron moitos os gandeiros que modernizaron as súas explotacións, co seu conseguinte gasto. Anos despois, o investimento está feito, as granxas están a funcionar, pero o prezo do leite segue sen estabilizarse, imposibilitando en moitos casos que os produtores recuperen os cartos investidos. José Manuel Gestoso é un destes gandeiros. Conta con 70 vacas que producen aproximadamente 1.200 litros diarios, afirma traballar de luns a luns 11 horas diarias e sen embargo non obtén apenas beneficio debido á inestabilidade do prezo do leite e á falta dun contrato homologado.

Outro dos problemas que atopan os gandeiros é o das subvencións. Segundo afirma Manuel Carbia, son eles os que teñen que xestionar todos os papeleos pero logo isto non se reflicte nos beneficios: "loitamos contra a burocracia para que logo sexan as agroindustrias as que levan os cartos". O gandeiro da zona do Ulla, afirma que o seu sector non está ben visto debido a que reciben subvencións, pero sen embargo, estas axudas non supoñen un incremento do beneficio xa que "cando as industrias negocian o prezo que nos van pagar por litro de leite, xa lle suman o que imos obter coas subvencións, así que realmente eses cartos son para eles".

Estas granxas son exemplo de modernidade e avances técnicos. Ambas as dúas contan cos requisitos da Unión Europea e incluso os superan, apostando forte pola promoción do sector. A diferencia do que sucede noutras explotacións, as mulleres dos propietarios dos terreos son socias das empresas gandeiras, o que en moitos casos "supón un gasto engadido debido de novo á burocracia". Tamén son creadores de emprego, como no caso de Manuel Carbia, que conta cun traballador contratado. Esta empresa ten ademais o valor engadido de traballar a prol da sostibilidade ambiental. As súas vacas pastan libremente por unha leira, axudando a manter limpo ese terreo e evitando tamén o perigo de incendio.



O futuro do sector

O aumento dos prezos do leite hai uns meses foi para moitos só "algo pasaxeiro, até que os que as industrias se puxeran de acordo". Agora reclaman que se estabilice o prezo, para polo menos saber os investimentos que poden afrontar. O futuro do sector pasa, segundo Manuel Carbia, polos contratos homologados e a desaparición das subvencións que, na maioría dos casos "só dan problemas pola burocracia".

Polo de agora, as protestas van continuar, e de non se conseguir nada, Carbia propón unha folga na recollida do leite, impedindo ás industrias que continúen co seu negocio e ofrecendo o produto a aqueles que se acheguen polas explotacións, para evitar o desabastecemento do mercado.


4,56/5 (9 votos)


Comentarios (5)

DanielErreCe #1 17/Abril/2008 DanielErreCe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns pola reportaxe. Chamo a Vieiros a seguir nesta liña de reportaxes audiovisuais, curtos pero intensos en contidos. Habería moitos temas de país que tocar e este formato é moi efectivo para chegar ao público. De todos os xeitos, coido que o sector lácteo dá para máis información e deberiades continuar por esta liña. Gustaríame saber que din os accionistas e xestores da agroindustria ao respecto, e sobre todo verlle as caras e coñececelos, saber quen son.

Ánimo.

Tino #2 17/Abril/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por desgraza moitos dos gandeiros actuais están sufrindo o apoio INCONDICIONAL q este sector dou a quen os amolou durante moitos anos.
Agora toca apandar...

Tino #3 17/Abril/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por certo, Lucia Iglesias ,,finca" de onde provén, de ,,hinca"? Ou querías dicir LEIRA?

xacataca #4 17/Abril/2008 xacataca
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Bo traballo, Vieiros!

Fungueiro #5 19/Abril/2008 Fungueiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Finca é tan galega como calquera outra. Leira e finca non se refiren exactamente á mesma realidade.

A seguir loitando polo agro galego!!!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: