Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, entregoulle o premio a Mercedes Folgueira, autora do relato gañador.
Mírote, 25 palabras que valen unha viaxe a Venecia. Este mércores entregouse en Vieiros o premio ao relato gañador do Concurso de Microrrelatos Eróticos Ferve a Rede, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Vieiros. Marisol López felicitou á gañadora, Mercedes Folgueira, e fíxolle entrega do galardón e do premio: unha viaxe a Venecia para dúas persoas.
Mercedes Folgueira, aínda que vive en Castro de Rei, naceu en Avilés, de pai galego e nai burgalesa, unha mostra de que non hai dificultades para chegar á lingua galega, mesmo tendo nacido e estudado fóra. Escribir un microrrelato é difícil, polas esixencias do espazo (550 caracteres neste caso), pero moito máis se se trata dun relato erótico, un xénero no que cómpre moverse con sutileza, para achegar carga erótica, impactar e emocionar, mais sen caer no soez, ou no excesivamente explícito ou, polo outro extremo, no cursi, no requintado.
Mercedes di que cando comezou a ler os outros relatos candidatos, pensou que o seu quedara moi curto en canto ao seu contido erótico e que por ese motivo non tiña demasiadas posibilidades de gañar. E que mesmo algún familiar, seguramente un chisco asustado polo 'apelido' do concurso, ao ler o texto espetou un "pois tampouco é para tanto". A autora afirma que para ela o tema principal do relato é "o cambio de rol da parella na cama, pois non sempre é a muller a que lle pregunta ao home se a quere". Así mesmo, confesou que o galardón dálle "forzas" para continuar escribindoe que comezará a refacer outros relatos que escribira para poder presentalos a otros concursos.
A Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López salientou a "importancia" deste tipo de iniciativas para a normalización da lingua en "todos os ámbitos", neste caso o "máis íntimo" e persoal. Tamén destacou que o concurso se dirixira, e contara coa participación (sobre todo) de xente nova, grupos de idade nas que é preciso facer máis esforzos para normalizar o uso da lingua.
No concurso participaron 290 relatos, unha cifra moi alta, que deixou patente a creatividade dos lectores de Vieiros. Entre todos os participantes sorteouse un segundo premio: unha estadía dunha fin de semana nunha casa rural próxima á parroquia do Sexo, en Agolada. A gañadora foi Susanamoo, que preferiu que o seu nome real ficase no anonimato.
O relato gañador: Mírote
Nun vaivén de suor núa, alzo a mirada para te ollar mellor.
Quéresme? Disme docemente.
Eu arqueo as cellas...
...nunca souben falar coa boca chea.
Parabéns, vizinha, ainda que não te conheço. Um beijinho desde Prevesos.
Os meus parabéns também.
Sempre é interesante dar-lhe bons usos à língua...