O Primeiro Ministro, Alex Salmond, anunciou que os cidadáns deberán escoller entre manter a actual autonomía, aumentala ou acadar a independencia total.
En agosto de 2007 Alex Salmond presentou a National Conversation, o debate nacional que debía preparar a Escocia para a súa independencia, e no que se convidaba a participar a partidos, entidades e cidadáns. Naquel momento o Primeiro Ministro e líder do Scottish National Party (SNP) puxo sobre a mesa o 2010 como momento probábel para a celebración dun referendo no que os cidadáns deberían decidir o futuro do país. Este mércores Salmond reafirmouse no seu obxectivo de consultar aos escoceses no ano 2010, ao tempo que anunciaba o comezo da segunda fase do diálogo nacional.
Salmond convidou á "sociedade civil escocesa" (empresas, colectivos sociais, igrexa...) a participar no debate e facer as propostas. O líder do SNP declarou que "este debate é meirande que calquera partido; está na base do que somos e do que queremos ser como país. Un debate tan importante pide que o pobo de Escocia tome a decisión final nun referendo"
Ademais, detallou algúns aspectos do referendo de autodeterminación, no que os escoceses deberán escoller entre tres opcións: a independencia total, o mantemento da actual autonomía ou unha substancial mellora do autogoberno. A votación realizarase por un sistema de voto preferencial (single transferable vote), na que os cidadáns deberán escoller unha primeira e unha segunda opción, un sistema xa empregado nas eleccións locais escocesas.
Salmond insta á oposición a presentar unha proposta alternativa
A vía intermedia da mellora do autogoberno é compartida polos partidos da oposición no Parlamento de Holyrood: laboristas, liberais e conservadores, que este martes comezaron os traballos dunha comisión parlamentaria na que non participa o SNP, e que deberá analizar o funcionamento da autonomía escocesa nos últimos anos e facer propostas para a súa mellora e para o aumento das súas competencias.
De feito, o anuncio de Salmond interprétase como unha resposta ao comezo dos traballos desta comisión, coa que os partidos opostos á independencia buscaban recuperar a iniciativa no debate sobre o aumento do autogoberno, unha demanda compartida pola maioría dos cidadáns escoceses. Salmond dirixiuse aos partidos da oposición para instalos a que presenten unha proposta alternativa á independencia.
Non é moi coñecido, pero os escoceses teñen un heroe nacional galego, Simon Brecc, unha especie de Breogan que partiu da Coruña para poboar Escocia.
Gracias polo dato,Atlántico !!! Nono sabía.
Escocia ceibe !!!