Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Escándalo na Arxentina

Diplomáticos españois investigados por contrabando

O Ministerio de Relacións Exteriores denunciou que embaixadores e funcionarios estranxeiros ingresaban vehículos sen pagar impostos e logo vendíanos de xeito ilegal.

Débora Campos - 12:00 28/01/2008

A partir dunha auditoría interna do Ministerio de Relacións Exteriores da Arxentina, descubriuse que houbo "abuso e laxitude" na entrega das franquías e a nacionalización dos coches, paso que posteriormente permitía obter a documentación para así vendelos no mercado interno. A manobra outorgaba grandes ganancias a quen ingresaban os autos ao país con descontos de ata 50 por cento por estar libres de aranceis e impostos, pero logo eran vendidos a prezo de mercado.

Con excepción dos embaixadores, o resto dos diplomáticos estranxeiros teñen un tope de 60 mil dólares para importar vehículos e só para uso oficial. Con todo, funcionarios de segunda liña importaban autos como Ferrari, Porsche, Lamborghini ou ata un Hummer.

Segundo se estabeleceu, tampouco se cumprían os prazos para a nacionalización, que esixen un mínimo de nove meses de posesión do vehículo e un ano de destino cumprido no país. E eran postos en venda ao pouco tempo de ser ingresados. O funcionario removido polo ministro de Exteriores, Jorge Taiana, é Jorge Matas, diplomático de carreira con rango de ministro de segunda e titular do Departamento de Franquías, Patentes e IVE, que agora está intervido. A denuncia recaeu no xulgado federal de Jorge Oyarbide.

Na mira da xustiza
O xuíz Marcelo Aguinsky investiga a diplomáticos de embaixadas de países latinoamericanos, dos Estados Unidos, Canadá, Europa, Asia, África e organismos internacionais polo suposto contrabando de autos. A lista que ten o xuíz inclúe, polo menos, unha franquía sospeitosa en mans de diplomáticos de España, dos Estados Unidos, Canadá, Cuba, Guatemala, Cuba, Chile, Bolivia, Paraguai, Ecuador, e Colombia, revelaron a medios de prensa locais fontes xudiciais.

Tamén abarca a investigación a diplomáticos de Alemaña, Italia, Grecia, Rumania, Eslovenia, Croacia, Kuwait, Congo, Filipinas, Arabia Saudí, Hungría, Tunisia, Angola, Suíza, Armenia, Francia, India, Marrocos, Taiwan, Nixeria, Corea do Sur, do Unicef, do PNUD, da Orde de Malta, entre outros.

O delito de contrabando agravado documentado ten unha pena de 2 a 8 anos de prisión. En principio, a Aduana supón que o funcionario arxentino denunciado facilitaba a documentación das franquías irregulares e que os diplomáticos estranxeiros podería ser "partícipes necesarios" do contrabando.

Preocupación diplomática
A denuncia da Aduana provocou preocupación en embaixadas estranxeiras consultadas polos xornalistas arxentinos. Ainda que a actitude do ministro Taiana víase un interese e un coidado por dirixir a denuncia cara ao funcionario arxentino denunciado, a presentación do titular da Aduana ampliou a investigación aos diplomáticos estranxeiros.

Debido a isto, o xuiz Aguinsky será "moi prudente e analizará caso por caso" antes de involucrar a un diplomático estranxeiro.

O xornal La Nación accedeu ao ditame onde figuran os embaixadores e o resto dos diplomáticos sobre os que se require información. Dos 81 diplomáticos dos que o xuíz solicitou información, 12 son bolivianos e nove, chilenos. Tamén figuran sete uruguaios, sete paraguaios, cinco nixerianos, cinco rusos, catro ecuatorianos, catro cubanos, tres españois e tres marroquís.


5/5 (3 votos)


Comentarios (1)

COUTOVEN #1 28/Xaneiro/2008 COUTOVEN

Quen lea este titular pensase que só os diplomáticos españois teñen malos costumes verdade?

Grazas a deus que ao lerse o texto apréciase que é unha practica que afecta a gran parte do corpo diplomático. Tanto é así, que ata a austera embaixada Cubana esta supostamente envolvida nesta practica potencialmente delituosa.

É interesante o diligente que é a Xustiza Arxentina cando ocorren certos delitos e o desprevida con outros. Só recordémonos do famoso maletín do Sr. Guido Antonini Wilson. O cal ingreso á Arxentina nun voo privado desde Venezuela e fretado por ENARSA e onde viaxaban altos funcionarios dos gobernos de Venezuela e Arxentina. Foron requisados 800.000 dólares (cochina moeda imperialista que tanto lles gusta aos políticos corruptos).

Resulta que esa, hoxe tan celosa xustiza Arxentina. Permitiu que o señor Wilson, deixase o maletín no aeroporto, logo supostamente paseásese pola Casa Rosada (Palacio de Goberno Arxentino) e despois saiu tranquilamente de Arxentina polo aeroporto. Coma se nada. Logo a xustiza Arxentina se desgarra as vestiduras pedindo a extradición dun individuo o cal tiña nas súas mans e que a súa “incompetencia” por non dicir outra cousa, permitiu que se escapase.

Agora, que se demostrou que o diñeiro tiña como destino a campaña electoral da actual presidenta de Arxentina. Segundo declaracións dos imputados en Estados Unidos o Goberno Arxentino empeza a dar garrotazos como un cego tratando de tapar o seu corrupto proceder.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: