Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O 50% das materias en galego

Apróbase o Decreto de promoción do galego no ensino

O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto que desenvolve a Lei de normalización lingüística, polo cal o alumnado ten que rematar cada tramo educativo coa mesma competencia oral e escrita en ambas as dúas linguas oficiais.

Redacción - 14:51 28/06/2007

No ensino de réxime xeral e na educación de persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), asignarase globalmente o mesmo número de horas ao ensino da lingua galega e da lingua castelá. Nas clases de lingua galega e literatura
e lingua castelá e literatura, usarán as respectivas linguas profesorado e alumnado. Nas programacións e outros documentos didácticos referidos á lingua castelá poderase utilizar esa lingua.

Infantil e primaria


Por etapas, na educación infantil o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensino, será, como mínimo, igual á da lingua castelá.

En toda a etapa da educación primaria, o alumnado recibirá cando menos o 50% da docencia en galego, por medio de tres materias: matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e os dereitos humanos.

Secundaria e ensino de persoas adultas


En educación secundaria obrigatoria (ESO), impartiranse en galego ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía por un lado, e física e química por outro, ambas as dúas materias se impartirán en galego. Ademais, o claustro completará o número de materias, excluída aquela que a LOE determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan que como mínimo o cincuenta por cento da docencia se imparta en galego.

E por último, no bacharelato, o alumnado recibirá tamén a metade da docencia en galego. Na formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, logo de escoitar os departamentos correspondentes, pero sempre supoñendo que o alumnado recibirá a metade da docencia en galego. Ademais, en todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega.

No ensino de persoas adultas, nos niveis I e II impartirase tamén a metade das materias en galego; no nivel III, correspondente á ESO, e no bacharelato, as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas. Neste sentido, establecerase un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galiza, que abranguiría formación lingüística e coñecementos históricos e socioculturais de cara a facilitar a súa integración.

Proxecto educativo

Cada centro, dentro do proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico: nel constarán as linguas que se deben empregar nas áreas, materias, módulos ou ámbitos de coñecemento distintos aos que veñen determinados na nova normativa, as medidas de apoio e reforzo necesarias, os criterios para determinar a lingua predominante do contorno; e as medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio da lingua galega poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle impartan nesa lingua. Este proxecto será redactado por unha comisión do profesorado do centro designada polo equipo directivo, e aprobado e avaliado polo consello escolar.

A Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación, coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia.

Equipos de normalización lingüística e formación específica nos centros dependentes de Educación

A nova norma prevé que nos centros dependentes da Consellería de Educación se constitúa un equipo de normalización e dinamización lingüística formado por profesorado, persoal non docente, e representantes do alumnado, quitando infantil e primaria. Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverá un plan de formación para o persoal dos centros educativos, de xeito que lles achegue coñecemento de sociolingüística galega e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e desenvolver a
súa actividade profesional en galego. E o persoal seleccionado para a docencia recibirá formación específica de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos.


4,44/5 (9 votos)


Comentarios (6)

mau #1 29/Xuño/2007 mau
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

a ver...

vidual #2 29/Xuño/2007 vidual
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O meu fillo empezou este curso en infantil, entrou falando galego, e non aguantou o primeiro asalto como era de agardar, pelexei co centro e para que se cumprira con PXNLG que establece o uso do galego como lingua vehícular nun terzo do horario, mais atopamos resistenza do centro e da equipa de infantil: "o PXNLG non ten valor normativo, o decreto dí que se usará a lingua predominante entre o alumnado, hai inmigrantes na aula e outros argumentos semellantes..." Presentei un escrito na consellería, ainda estou agardando a resposta...
Bueno, imos ser optimistas, agardo que coa nova redación muden un pouco as cousas: "No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensino, será, como mínimo, igual á da lingua castelá". Se houbo resistenza para aplicar un terzo, agardemos que acepten de bo grao o 50%, agardo que o vindeiro curso non teñamos que andar discutindo a interpretación do decreto, e que se aplique efectivamente.
En todo caso, por cativo que sexa o avanzo, estamos de parabéns.

Barcelos #3 29/Xuño/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non entendo o do 50%. Con que criterio. Por sorteo?

Eu creo que salvo a Lingua Castelá, e aproveitando que nos soa, o resto deben ser en galego. incluído o inglés: de galego a inglés. A que fode eh?

Barcelos #4 29/Xuño/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

door= porta
window= fiestra

O_Castrexo #5 29/Xuño/2007 O_Castrexo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estou de acordo co amigo Barcelos.

O galego é unha lingua 'base' moito máis axeitada que o castelán para a aprendizaxe do inglés. A fonética é moito máis axeitada. Compartimos moitos sons co inglés (as velares nasais a final de palabra, as post-alveolares fricativas xordas, sons vogálicos abertos e pechados, etc) e tamén o vocabulario. O inglés ademais comparte moito léxico co galego a través das aportacións latinas que recebeu do francés na Idade Media.

Non é xusto que o profesor teña que utilizar a lingua maioritaria da aula. Xa temos moitos emigrantes hispanoamericanos e iso xoga na nosa contra. Debemos integrar os emigrantes na nosa cultura de forma directa a través do coñecemento da nosa lingua ou acabaremos como na India.

Galego no ensino. O castelán só debe ofertarse como lingua estranxeira.

LOIS_DE_SILAN #6 3/Xullo/2007 LOIS_DE_SILAN
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non se debera esquecer o papel que desempeña a oficialidade do castelán fóra do seu territorio propio e a obriga xeral de coñecelo por parte de todos os españois (que teñan aptitudes para aprendelo!): o castelán (amais do seu papel de lingua habitual no seu territorio propio) funciona no pequecho universo das linguas españolas como interlingua, como lingua común ou universal, como lingua antidiscriminatoria. É a lingua que podemos usar os españois como lingua ponte cando saímos dentro de España a territorios onde a súa lingua propia é distinta á do noso territorio lingüístico.

Daquela, constitucionalmente, o dominio do castelán en territorios españois nos que é lingua allea debe ser o suficiente como para cumprir esa función ponte; mais, en absoluto ten que ser igual, análogo ou semellante ó dominio esixíbel da lingua propia do territorio.

Os artigos 3.3 e 14 CE esixen un dominio análogo ou equiparábel respecto de cada lingua territorial por parte da respectiva comunidade lingüística. Dito doutro xeito, a Constitución esixe que os galegos coñezamos e usemos na Galiza o galego como coñecen e usan en "Castela" o castelán os castelaos....NIN MÁIS NIN MENOS!

Así as cousas, é obvio que na Galiza é perfectamente constitucional (outra cousa é a constitucionalidade plena ou non da literalidade da Lei de Normalización Lingüística) IMPOÑER o uso do galego en todas as materias que se queira, sempre e cando quede garantida a competencia referida en castelán. E isto, madia leva, sen prexuízo dos outros obxectivos que en materia de linguas estranxeiras estableza o currículo correspondente, e sen prexuízo de respectar e aplicar os criterios pedagóxico-didácticos máis apropiados segundo a lingua de procedencia, española ou estranxeira, dos discentes.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: