Vieiros

Vieiros de meu Perfil


ANIVERSARIO NA MARISMA

Baldaio, 30 anos despois dun pulso

Un 8 de maio de 1977 as rúas de Carballo eran testemuña da manifestación máis emblemática da historia da vila. Aquela xornada, máis de 5.000 persoas protestaban pola polémica concesión extractiva a unha empresa areeira na marisma de Baldaio. Ducias de axentes da Garda Civil, chegados de toda a provincia, disolveron a golpe de mosquetón os manifestantes.

R.V. - 13:35 08/05/2007
Porén, a xénese daquel conflito era moi anterior. No ano 1941 tres empresarios da zona conseguiran unha concesión de seis hectáreas da marisma para instalar un criadeiros de ameixa. O problema agudízase en 1971, cando os mesmos concesionarios constitúen a empresa “Baldayo, S.L” que vai dedicarse a extraer area. Axiña se comproba que a concesión marisqueira é xa só unha tapadeira para o moito máis proveitoso negocio de extracción de áridos.

Protestas
Os veciños consideraron que a empresa estaba a acabar co seu medio de vida, que en moitos casos era o marisqueiro, e comezaron as mobilizacións. Así, no ano 1976 comezaron a paralizala actividade da empresa e esta contraatacou contratando gardas xurados para impedir o acceso dos veciños ao espazo público. Os enfrontamentos entre vixilantes e veciños foron constantes. Un dos episodios máis negros foi o que sufriu Manuel Rodríguez. Os gardas xurados obrigárono a camiñar quilómetros cun saco de berberechos ao lombo até o cuartel da Garda Civil. Rodríguez, que xa padecía unha doenza crónica, morreu pouco despois.

No ano 1977 os afectados entran en contacto con cadros das Comisións Labregas e da Asamblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Un deles, Moncho Valcarce, o chamado “crego das Encrobas”, convértese rapidamente nun dos líderes do movemento veciñal. O mesmo 8 de maio dese ano, logo da protesta en Carballo. Os manifestantes dirixíronse á marisma onde se repetiron as cargas da Garda Civil. Entre os numerosos detidos atópase de novo Moncho Valcarce.

As protestas continuaron e chegaron á súa máxima empresión en 1978. As máquinas de extracción da area apareceron queimadas e as comportas reabríronse. A marisma volvía abrirse ao marisqueo e a extracción de áridos quedaba paralizada.

A retrospectiva

O que hoxe é alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, era daquela un mozo que tamén participaba nas protestas. O rexedor nacionalista recoñece que aquela loita foi un fito na historia da bisbarra de Bergantiños e que serviu para poñer freo á destrución desta valiosa paraxe.

Ferrero sinala que a actualidade da marisma de Baldaio é ben diferente. A aposta do consistorio e combinar a actividade marisqueira dos veciños coa posta en valor dunha zona coñecida pola súa riqueza paisaxística e tamén de fauna. De feito este é un pequeno paraíso para os ornitólogos.

Novas relacionadas


A volta

Ouvimos moitas veces que o rural galego sempre foi submiso, que nunca defendeu os seus dereitos nin o medio do que vivía. A década dos setenta demostrou que esa teoría, cando menos, era unha verdade a medias. Durante o ano 1977 tres grandes mobilizacións (As Encrobas, Baldaio e Xove) saltaron aos medios de comunicación de todo o Estado.

A volta

Naqueles anos, saíndo da longa ditadura militar, comezaban tamén a artellarse as primeiras organizacións agrarias libres. As mesmas que na década dos oitenta habían de protagonizar famosas mobilizacións contra as condicións de entrada na Unión Europea, que non eran, nin moito menos, as máis esperanzadoras para os nosos sectores primarios.

A volta

Trinta anos despois daquela data, o rural galego loita por seguir vivo. Os municipios pequenos sufriron un éxodo de grandes proporcións e o relevo xeracional rachou xa hai tempo. Os tempos mudaron e moito. Aínda que se mellorou na extensión de moitos servizos, o rural segue a precisar de cidadáns de primeira.

4,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manifestación de Carballo
Manifestación de Carballo